60 colectivos esixen "eucalipto cero, como en Europa"
Por Oskar Viéitez
Un total de 60 colectivos alertan de que Galicia xa dobra a Portugal na intensidade da expansión do eucalipto, pois esta especie invasora australiana esténdese polo 17% do territorio galego, mentres que no país veciño non alcanza o 9%.
Apuntan que o medio millón de hectáreas ocupadas "fan precisa dunha reacción por parte da cidadanía galega e por suposto, tamén da Xunta".
Estes colectivos sinalan que a expansión do eucalipto vese favorecida por un "modelo de explotación do monte intensamente forestalista", que aposta pola produción de madeira con pouco valor engadido, e acusa á "continua presión do lobby pasteiro-enerxético" para ocupar con novas especies como o Eucaliptus nitens áreas anteriormente vetadas ao Eucaliptus globulus.
Os ecoloxistas temen que a recente desregulación do sector da biomasa "vai ter un efecto chamada sobre os plantíos para queimar". Din que o obxectivo do "sector pasteiro-enerxético encabezado por ENCE" é estender o seu modelo de xeración eléctrica baseado nas grandes centrais térmicas de 50, 100MW, mediante os cultivos enerxéticos "plantar-queimar-plantar". Isto xa está a provocar unha "nova vaga eucaliptizadora no país", denuncian.
Nunha rolda de prensa celebrada este martes en Pontevedra os representantes destes colectivos explicaron que as consecuencias destas políticas sobre o agro, o monte e a sociedade galega son "catastróficas", e citaron, entre outras, a perda de soberanía alimentar, o abandono do medio rural ou a reconversión das iniciativas produtivas vencelladas á terra en absentismo urbanita con rentistas do eucalipto desconectados do territorio.
No eido ambiental e patrimonial, engaden, dáse empobrecemento da biodiversidade, perda de fertilidade, aumento da erosión, escaseza de auga, maior intensidade dos lumes forestais ou perda do patrimonio arqueolóxico.
Para tentar reverter esta situación, os colectivos integrados na iniciativa "Cousa de Raíces" reclaman ás administración a adopción con carácter urxente das seguintes 6 medidas:
- Moratoria para novos plantíos de eucalipto.
- Prohibición do eucalipto nitens.
- Freo aos cultivos enerxéticos no novo Plano Forestal.
- Cumprimento estrito da lexislación para impedir a forestación de terras agrarias e os plantíos sobre hábitats de interese.
- Establecemento dunha fiscalidade "verde" para o eucalipto.
- Promoción dos aproveitamentos sustentábeis e da conservación dos bosques naturais.
Relacionadas:
-
O PSOE leva a pleno a "necesidade de pararlle os pés ao eucalipto"
Por Redacción |
-
O incendio de Portugal, di o BNG, debe ser unha "lección" para cambiar a política forestal galega
Por Alejandro Espiño |
-
Un estudo elaborado no Lérez conclúe que os eucaliptos aumentan o risco de que os ríos sequen no verán
Por Redacción |
-
Os eucaliptos 'toman' A Ferrería para denunciar a "catastrófica" situación do monte galego
Por Alejandro Espiño |
-
Marea Pontevedra propón eliminar os eucaliptos que se atopen a menos de 50 metros das casas
Por Diego Espiño |
-
A Deputación tallará os 333 eucaliptos da leira do Castelo de Soutomaior
Por Oskar Viéitez |
-
A APDR rexeita "rotundamente" unha planta de biomasa en Cerdedo-Cotobade
Por Oskar Viéitez |
-
Piden a inscrición do eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras
Por Oskar Viéitez |
-
Expertos internacionais reúnense en Pontevedra para falar da loita contra o gurgullo do eucalipto
Por Redacción |