Fenosa cambia un transformador para evitar apagóns nas inmediacións do Principal
Por Alejandro Espiño
Os continuos apagamentos que se rexistraban na contorna do Teatro Principal chegaron á súa fin. Polo menos, iso espera o Concello de Pontevedra. A empresa Gas Natural Fenosa cambiou o transformador situado na parte traseira da antiga casa consistorial.
Estes cortes na subministración de electricidade provocaran as protestas dos veciños e o goberno municipal presentou unha queixa formal ante a Consellería de Industria e a propia compañía eléctrica.
Na súa resposta, Gas Natural Fenosa asegura que non cometeron ilegalidade algunha porque a lei permítelle un número determinado de apagamentos que, segundo a contestación oficial da compañía, neste caso non se superaron.
Aínda así, explicou a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, "algo mal estarían facendo" cando tiveron que cambiar o transformador.
As obras realizáronse o pasado 12 de marzo e desde entón, segundo o Concello, non consta que se produciron máis apagamentos.
Neste sentido, a edil do BNG denunciou a "falta de mantemento" das infraestruturas que garanten a subministración en Pontevedra, cuxa responsabilidade exclusiva é das compañías eléctricas.
Da Silva explicou que as posibles sancións que se lle poidan impoñer a Gas Natural Fenosa por estes apagamentos dependerán da Consellería de Industria.
DANOS NUNHA FACHADA
Durante a execución das obras no transformador da rúa Alhóndiga, o pasado 12 de marzo, a empresa contratada provocou danos na fachada do inmoble número 4 desta rúa. En concreto, arrincou unha das pedras do edificio á que estaba fixado o cableado. A Policía Local de Pontevedra foi advertida desta circunstancia polos propietarios do inmoble afectado. Tras acudir ao lugar unha patrulla de axentes municipais obrigou á empresa para acordoar a rúa ante o risco evidente de novos desprendementos.
Relacionadas:
-
Cinco compañías enerxéticas están interesadas en subministrar "electricidade verde" o Concello
Por Alejandro Espiño |
-
Gas Natural Fenosa, sinalada polo BNG como a responsable do "mal estado" da rede eléctrica galega
Por Alejandro Espiño |
-
Preocupación por frecuentes cortes de luz que afectan a servizos municipais e á Universidade
Por Redacción |