Admite ter estafado unha cooperativa de transportes pontevedresa
Por Oskar Viéitez
Un home acusado dun delito continuado de estafa en concurso medial cun delito continuado de falsidade en documento mercantil e outro de apropiación indebida aceptou unha pena de 23 meses de prisión tras negociar coa Fiscalía unha rebaixa na condena.
A sección segunda da Audiencia de Pontevedra ditará sentenza conforme aos termos acordados neste acordo de conformidade.
O acusado, M. L. S., administrador dunha empresa e empregado doutra que era filial dunha cooperativa de transportes pontevedresa, admitiu ter mentido a esta cooperativa sobre o cobro de portes a transportistas para beneficiarse economicamente.
Este acusado ideou unha fórmula para que as empresas que contrataban algúns servizos a esta cooperativa realmente os abonaban a el na crenza de que era esta quen realizaba os transportes.
Esta confesión valeulle para que o Ministerio Fiscal rebaixase a súa petición inicial de pena de cinco anos de prisión. Ademais impúxoselle unha multa de 9 meses a razón de tres euros ao día.
No seu favor contou que o acusado xa indemnizou aos prexudicados e tamén as dilacións indebidas que acumula este caso.