A primeiros de abril iniciaránse os traballos para garantir a seguridade na estrada Gallas-Armenteira
Por Redacción
A primeiros do vindeiro mes de abril, a Deputación iniciará as obras para garantir a seguridade viaria na estrada provincial EP-9406 entre Gallas-Armenteira ao seu paso polo lugar de Silván, no Concello de Meis, onde se ten detectado un noiro de grande altura.
Segundo indicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, construirase un sobreancho para permitir o paso de dous coches de forma simultánea, así como un muro de contención que reforzará a cimentación da vía e evitará futuros movementos de terras.
O proxecto para mellorar a seguridade viaria da estrada púxose en marcha o pasado mes de outubro de 2016, cando os técnicos do departamento de Mobilidade detectaron a perigosidade do noiro. A actuación de mellora quedou deseñada no mes de novembro e obtivo o visto bo do departamento de Contratación provincial no mes de febreiro deste ano. Finalmente, a actuación foi adxudicada por 54.822 euros o pasado 14 de marzo a Construcciones Vaqueiro.
A intención é que as obras comecen de xeito inmediato logo de que a empresa elabore a acta de replantexamento.
DESLIZAMENTOS
Por outra banda, en relación ás queixas veciñais por continuos deslizamentos de vehículos na calzada da estrada provincial que pasa por Cabeza de Boi (EP-9405 San Martiño-Armenteira- Busto), desde a Deputación sublíñase que está en marcha un Plan de Mellora de Estradas e que nestes momentos estase a realizar unha avaliación das necesidades de mantemento de firme da totalidade da rede viaria provincial.
"Nesta zona xa temos detectadas as incidencias e o noso obxectivo é contratar unha actuación de mellora ao longo deste ano", subliñou o director de Mobilidade, Daniel Romay.