Xa está en funcionamento o novo punto de xestión de residuos empresariais de Campolameiro
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou este luns o polígono empresarial da Facha en Campolameiro, co obxectivo de comprobar o remate do punto limpo executado a través dunha liña de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Na visita estivo acompañado do alcalde da localidade, Julio Sayáns, así como do xefe territorial de Economía, Ignacio Rial.
No polígono da Facha investíronse 125.000 euros, dos cales o 80%, é dicir, 99.400 serán aportados pola Xunta, tanto para a execución do novo punto de xestión de residuos empresariais como para a mellora dos viais internos do parque.
"O problema da recollida de residuos era un dos problemas pendentes neste polígono", explicou Cores Tourís, quen recordou que este parque non contaba con ningún punto de reciclaxe. "Con esta obra mellórase a operatividade e flexibilidade do funcionamento da recollida selectiva de residuos de empresa", recordando que este novo punto limpo "non pode albergar, baixo ningún concepto, residuos perigosos ou orgánicos".
En canto á mellora dos viais interiores do parque empresarial, renovouse a sinalización horizontal, tanto o pintado de sinais coma liñas, e executáronse beirarrúas en varios tramos, mellorándose tamén a evacuación de augas pluviais nun punto onde habitualmente se producían encharcamentos.