Condenan a 40 días de traballos sociais un pontevedrés que ameazou o seu pai cun coitelo
Por Natalia Puga
O Xulgado de Garda de Pontevedra condenou a 40 días de traballos en beneficio da comunidade a un mozo que na noite do sábado foi detido polas policías Local e Nacional de Pontevedra por ameazar ao seu pai cun coitelo.
Tras a detención o sábado, o mozo pasou a noite na Comisaría Provincial e ao longo da xornada deste domingo acudiu aos xulgados da Parda, onde se celebrou un xuízo rápido. O xuíz decidiu condenalo a traballos sociais, pero tamén lle impuxo unha prohibición de tenza de armas durante seis meses e unha orde de afastamento da súa vítima, neste caso, o seu pai.
O mozo foi sometido a un xuízo rápido, de modo que a sentenza ditada polo Xulgado de Garda xa é firme e non cabe recurso, segundo lembrou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Segundo informou a Policía Local de Pontevedra, o mozo foi detido sobre as 21.00 horas deste sábado por un delito de violencia no ámbito familiar. Os axentes municipais recibiran un aviso porque se estaba producindo unha rifa familiar na que un fillo tentaba agredir aos seus pais nun domicilio da rúa Rosalía de Castro.
Cando chegaron ao lugar, atopáronse con que o pai e a irmá do mozo estaban a tentar inmobilizalo. Os axentes separáronos e, cando lles relataron que os ameazara cun coitelo de cociña, procederon á súa detención. Segundo a Policía Local, o responsable está a tratamento psiquiátrico.