O dono dun bar onde atoparon unha menor consumindo alcol evita a multa ao descoñecerse quen llo serviu
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
En setembro do ano 2015, axentes da Policía Nacional denunciaba a presenza dunha menor de idade consumindo alcol nun bar da rúa Padre Luís no centro histórico de Pontevedra. Por este motivo, o Concello decidiu abrir un expediente sancionador contra o propietario do establecemento. O expediente leva unha multa superior aos 3.000 euros.
Con todo, o propietario presentou un recurso no xulgado do contencioso administrativo número 1 de Pontevedra. O xuíz, segundo indicaba o portavoz do goberno local Raimundo González este luns 20, estimou o recurso.
Na sentenza, o xuiz sinala que "se ben é innegable que quedou acreditado sen xénero de dúbida o expresado polos axentes na acta de infracción, considérase que non quedara acreditada sen xénero de dúbidas que ese alcol fose vendido no establecemento da parte recurrente".
Engade que a menor "atopábase no establecemento cunha bebida alcohólica pero o que non está acreditado sen xénero de dúbida é que esa bebida alcohólica fose vendida o subministrada a esa menor no local". Ante esta situación, aplícase o principio xurídico "in dubio pro reo", é dicir, en caso de dúbida vai favorecerse ao acusado, neste caso, o propietario do local.
Na resolución xudicial considera que non é posible demostrar que o alcol que estaba a consumir a menor de idade fose servido nese mesmo establecemento. Este fallo xudicial non é recurrible.