Consume 13 cervexas nun bar, paga só 5 e acaba expulsado pola Policía Local ao negarse a pagar e a marchar
Por Natalia Puga & Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A cafetería bocatería Mil9 leva aberta tan só dúas semanas e xa tiveron que vivir unha situación que os obrigou a solicitar a intervención da Policía Local de Pontevedra. Sobre as tres e media da madrugada do sábado ao domingo, solicitaron reforzos ante a presenza dun cliente que levaba catro horas no establecemento, consumiu 13 cervexas, pero tan só quixo pagar cinco.
Segundo puido saber PontevedraViva, o protagonista do incidente foi un home duns 40 anos ao que non vira antes polo establecemento. Chegou, sentou e empezou a pedir cervexas da marca Mahou. As cinco primeiras pagounas puntualmente, pero a situación empezou a desmadrarse a partir de aí no local situado no número 1 da rúa Germán Adrio.
Nesta cafetería aguantaron a situación ata as 13, pero finalmente optaron por chamar á Policía porque el dcía que xa pagara e non se quería ir. Non mostrou en ningún momento signos de violencia, pero negábase a abandonar o local.
Nese momento había no negocio 6 ou 7 persoas que puideron corroboraron a versión da dona, que o cliente non pagara as oito últimas consumicións. Con todo, el insistía en que si o fixo. Segundo fontes da Policía Local de Pontevedra, ante a versión da responsable do negocio e das testemuñas, os axentes municipais tomáronlle os seus datos identificativos ante a posible denuncia por falta de pagamento e remitíronos á Comisaría Provincial.
Finalmente, o home abandonou o local, pero á forza, acompañado ata a porta pola Policía Local. E, iso si, foi sen pagar o que debía por oito Mahou.