A Deputación saca a contratación o programa 'Depo en marcha' para os maiores da provincia
Por Redacción
Xa está aquí unha nova edición do programa 'Depo en marcha', ao que a Deputación de Pontevedra destinará este ano un investimento de 120.000 euros e que en 2016 chegou a preto de 4.000 persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia.
A Deputación aprobou na súa última Xunta de Goberno o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, da xestión, desenvolvemento e execución do programa, que ten como finalidade favorecer o envellecemento activo e contribuír a optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade da terceira idade.
As empresas interesadas en optar á execución e posta en marcha do programa 'Depo en marcha 2017' terán un prazo de 15 días a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia.
A institución provincial oferta 100 obradoiros dirixidos a entidades de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia estruturados en oito áreas temáticas: 'Traballando coas mans' (arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e manualidades), 'Entre fogóns' (cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería e tapiñas e petiscos), 'Aprendendo da natureza' (plantas mediciñais), 'Móvete' (pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba), 'Activando corpo e mente' (conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés), 'Enredando' (xogos tradicionais e teatro), 'Dálle marcha' (bailes de salón, pandeireta e canto popular) e 'En rede' (internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática- iniciación e informática-avanzado).