Beiras deixa a primeira liña política nunha asemblea nacional de Anova en Pontevedra con rifa incluída
Por Natalia Puga & Diego Torrado
Hai tempo que Xosé Manuel Beiras responde as preguntas da prensa sobre o seu futuro político asegurando que está "nun epílogo". El mesmo lembrou este sábado en facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra que a esas insistentes cuestións dos xornalistas respondeu ultimamente que "non había ningún capítulo despois".
A pesar das reservas coas que todos tomaron sempre esas palabras que soaban a despedida, o histórico dirixente nacionalista deu finalmente ese adeus á primeira liña política. "Ese epílogo remata agora", asegurou no seu último discurso como portavoz nacional de Anova.
A despedida oficializouse este sábado con motivo da III Asemblea Nacional de Anova, na que se votou unha única lista para renovar a dirección da agrupación política nacionalista, encabezada polo deputado Antón Sánchez e que saíu apoiada cun 82,3% dos votos.
O nomeamento de Sánchez como novo portavoz nacional aínda non é oficial, pois se elixiu a coordinadora e agora ten que ser este órgano o que nome a portavoz, pero xa é oficioso e, de feito, saíu da asemblea vitoreado a berros de "Antón, Antón". Tras o seu discurso de despedida, foi a primeira persoa en abrazarse a Beiras, que lle deu todo o respaldo desde o principio do proceso.
A importancia da asemblea non é baladí, por iso é polo que chame a atención a rifa, con berros, empuxóns e golpes incluídos, que se produciu sobre as seis da tarde. Protagonizárona dous militantes da Fronte Popular Galega (FPG) de Cangas e acabou implicando a un nutrido grupo de asistentes á asemblea e mesmo foi necesaria a intervención de figuras conciliadoras como a do alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega.
Durante a intervención dun portavoz de Anova en Ourense, Beiras pediu a palabra e defendeu a importancia da unidade popular que supón En Marea e, ao mesmo tempo, a súa traxectoria nacionalista. A resposta xeral foi de ovación -como case todas as que tivo este sábado-, pero a nota discordante chegou cando un militante da FPG mostrou o seu desacordo.
Na sala estaba tamén una das figuras máis representativas da FPG, o político e escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, que se desvinculou do comportamento exaltado do militante da rifa dando un forte abrazo a Beiras. Pero nin ese abrazo nin a ovación da maioría do público conseguiu evitar a xa inevitable rifa. Un membro do colectivo Xeira reprochou a actitude ao que replicara a Beiras desde outro punto do auditorio e desaotuse o enfrontamento, primeiro verbal e logo con empuxóns e, segundo algunhas testemuñas, mesmo con patadas. Mentres, desde a mesa da asemblea pedían "respecto" e calma.
O incidente durou apenas uns minutos e pouco despois retomouse a tranquilidade no auditorio da facultade. Xusto dúas horas despois, ás 20.05 horas, chegaba o momento culmen da xornada, co discurso de despedida de Beiras como portavoz nacional. Fontes de Anova insistiron en que ese ton de despedida que el deu á súa intervención ten todo o simbolismo posible, pois a menos dun mes de cumprir 81 anos -naceu o 7 de abril de 1936-, resulta complicado que volva ser portavoz nacional de ningunha agrupación ou teña unha intervención activa en ningún proxecto político.
A modo de despedida, tras dar un repaso ao discorrer políticos dos dous últimos anos e ao camiño que percorreu o proxecto político de En Marea e das mareas populares de todo o territorio galego, Beiras pediu aos seus compañeiros -uns 200 presentes na sala- que Anova ten un novo camiño por diante, "ser o auténtico motor nuclear de En Marea". Iso si, tamén lles advertiu que non convén "pretender hexemonizar" eses movementos de unidade popular.