Os escolares de Verducido, Noalla e As Bizocas achéganse á compostaxe
Por Redacción
O alumnado dos colexios de Verducido en Pontevedra, As Bizocas en O Grove e Noalla Telleiro en Sanxenxo participaron esta semana nos obradoiros organizados pola Deputación Provincial dentro do Plan Revitaliza co obxectivo de levar aos centros escolares a compostaxe.
Este programa ten a intención de concienciar aos escolares da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.
Segundo informou a Deputación, 'Quen vive aí? foi o título da actividade na que esta semana participaron os alumnos de Infantil e Primaria do colexio de Verducido e do CEIP As Bizocas. Tiveron a oportunidade de descubrir a 'vida interior' dos composteiros identificando os invertebrados que habitan nos centros de compostaxe e que participan activamente na descomposición dos restos orgánicos.
Esta actividade de identificar os vermes realizouse analizando diferentes mostras de compost (en varios estados de maduración) que os monitores achegaron ata o centro. Alí, os nenos puideron estudar facilmente os distintos tipos de bichos coa axuda de sinxelos capturadores de fauna –collendo eles mesmos os animais-, e observándoos con material de aumento e chaves dicotómicas.
No caso do alumnado do primeiro ciclo de Primaria do colexio Noalla Telleiro de Sanxenxo, 35 escolares participaron no 'Xogo da miñoca', no que coñeceron ao colémbolo, un verme que se ten convertido na mascota educativa do Plan Revitaliza da Deputación. A xornada para saber máis da compostaxe estivo protagonizada por unha variación do xogo da oca na que, formando equipos, tiveron que pasar unha serie de probas e preguntas.
Este programa educativo que está a levar adiante a Deputación realízase xunto con monitores do Centro de Información e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) mediante un convenio dentro do Plan Revitaliza, e vai dirixido ao alumnado de Primaria e Secundaria dos centros próximos aos composteiros comunitarios implantados pola institución provincial.
Relacionadas:
-
Sogama dota a Sanxenxo con 30 novos composteiros
Por Redacción |
-
Preto de 200 rapaces participarán en Pontevedra nun congreso de educación ambiental sobre compostaxe
Por Redacción |
-
De maior quero ser… mestre composteiro!
Por Redacción |
-
Os rapaces na escola andan a voltas coa compostaxe
Por Redacción |
-
Moraña únese á moda da compostaxe doméstica impulsada por Sogama
Por Sofía Fernández Fuentes |
-
'Quen vive aí?' 300 escolares de Vilaboa coñecen como facer compost
Por Redacción |