Catro coches queimados, dous calcinados ao 100%, nun incendio nun taller de Cambados
Por Redacción
Dous coches quedaron calcinados por completo e outros dous afectados polo lume como resultado dun incendio rexistrado durante a noite deste venres nun taller da avenida de Vilagarcía, na parroquia de Corbillón, en Cambados.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia, unha persoa particular deulles a voz de alarma ás 22.10 horas ao saír fume do baixo dunha casa destinado a taller. Polo momento descoñécense as causas que causaron o incendio, que tamén afectou o teito do garaxe.
O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertou aos Bombeiros do Salnés, a Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil. A situación tamén foi posta en coñecemento dos efectivos de Urxencias Médicas, aínda que en ningún momento foi necesaria a súa intervención.
Emerxencias Cambados explicou que os dous vehículos que quedaron calcinados foron un Peugeot 207 e unha furgoneta Renault Kangoo e que o lume se produciu nun negocio de compravenda de vehículos en Cambados.
Por causas que se descoñecen as chamas iniciáronse na zona do taller, localizado na parte traseira deste establecemento. Segundo Emerxencias Cambados, os traballos de extinción prolongáronse durante un par de horas.