A xuízo por un violento asalto a unha casa de Vilanova con tres cómplices que lograron eludir á Xustiza
Por Redacción
W.F.L. sentará no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra o vindeiro martes 21 de marzo para render contas por dous delitos de detención ilegal e un delito de roubo con violencia en casa habitada e con uso de armas ou instrumentos perigosos en concurso medial con outro de detención ilegal. Atribúeselle un asalto nunha casa de Vilanova de Arousa no que catro personsa entraron a roubar e maniataron aos seus propietarios.
O delito presuntamente cometeuno W.F.L. acompañado polo menos doutras tres persoas que non foron identificadas, de modo que tan só el sentará no banco e responderá á petición do fiscal, que solicita ao tribunal que lle impoña unha pena de 16 anos e oito meses de prisión.
En concreto, pide que sexa condenado a cinco anos e oito meses de prisión polo delito de roubo con violencia en casa habitada e con uso de armas ou instrumentos perigosos e a cinco anos e seis meses de prisión por cada un dos dous delitos de detención ilegal. Ademais, a Fiscalía pide que sexa condenado a indemnizar ás vítimas polas cantidades e obxectos subtraídos e non recuperados. En total, no roubo levaron obxectos valorados nuns 55.000 euros e non todo logrou ser recuperado.
Os delitos que se lle atribúen ocorreron o 4 de febreiro de 2015. Segundo sostén o fiscal no seu escrito de acusación, o acusado e os seus cómplices acudiron sobre as 21.30 horas ao domicilio das vítimas armados con coitelos e pistolas e vestindo roupa escura, luvas e pasamontañas para evitar ser identificados, entraron a través dunha porta que se atopaba aberta e asaltaron ao matrimonio que reside nela, atándolles con bridas os pés e mans.
Os asaltantes esixiron ao matrimonio que lles dixesen onde se atopaba a caixa forte e a muller indicoullo e deulles as chaves. Uns 20 minutos máis tarde chegou ao domicilio familiar a filla do matrimonio e o seu fillo de oito anos e, tras amedrentar á muller cun coitelo e dicirlle que non gritase, atárona de pés e mans e colléronlle o bolso.
O acusado e o seus acompañantes colleron da casa 600 euros que o propietario tiña nun sobre no pantalón, 6.000 euros que se atopaban na caixa forte, un gran número de xoias, varios abrigos e chaquetóns de peles, tres bolsos de pel, unha cubertería de prata, unha fonte de prata, unha cámara de fotos e un portátil e abandonaron o lugar.