Enfróntase a 15 anos de cárcere por vender heroína preto dun centro de desintoxicación
Por Redacción
A Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro martes 21 de marzo, en dous xuízos distintos, á arousá SM.M.M. por presuntamente vender heroína nas proximidades do Servizo Preventivo Asistencial de Drogodependencias (Spad) de Vilagarcía de Arousa, xusto o lugar ao que os seus 'clientes' acudían a desengancharse da droga.
As vistas orais celebraranse nas seccións Segunda e Cuarta da Audiencia ao longo da mañá do martes e en ambas sentará no banco polo mesmo delito e feitos practicamente idénticos, pero ocorridos en anos distintos. En total, enfróntase a 15 anos de prisión.
O primeiro xuízo, ás 10.00 horas, celebrarase na Sección Cuarta. A Fiscalía solicita que sexa condenada a sete anos e seis meses de prisión, o pago dunha multa de 2.000 euros e o comiso das sustancias intervida no seu poder ao considerala autora dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas tóxicas que causan grave dano á saúde nas inmediacións dun centro destinado á deshabituación, pois tal localización está gravada cunha pena maior neste tipo de delitos.
Segundo sostén o escrito de acusación presentado pola Fiscalía, sobre as 09.50 horas do 9 de marzo de 2015 foi sorprendida por axentes da Policía Nacional nas inmediacións do Spad en posesión de 22 bolsas de plástico que contiñan po marrón que resultou ser heroína. O fiscal mantén que levaba esa droga "coa clara intención de destinalos á venda de terceiros".
Nese momento da operación interviñéronlle 4,206 gramos cunha riqueza do 32´73% que alcanzarían un valor de 535´13 euros no mercado ilícito. Ademais, levaba encima 100 euros.
Ese mesmo día, e co seu consentimento, os policias realizaron un rexistro na súa casa de Vilagarcía e localizaron unha balanza de precisión, unha bolsa de plástico con 39 bolsas de tamaño pequeno de plástico transparente con peche hermético, outra bolsa de plástico con 59 bolsas de tamaño pequeno das mesmas características e, dentro do caixón da mesilla esquerda da habitación principal, tres billetes de 10 euros, cinco billetes de 5 euros e 30 euros en moedas.
O segundo xuízo será ás 10.30 horas na Sección Segunda. A Fiscalía pídelle os mesmos sete anos e seis meses polo mesmo delito, pero os feitos ocorreron meses antes en polo menos dúas ocasións e a multa que solicita o fiscal ascende a 4.000 euros. .
Segundo o fiscal, sobre as 9.15 horas do 4 de xuño de 2014 fora sorprendida pola Policía Nacional nas inmediacións do Spad de Vilagarcía con 47 bolsas de plástico que contiñan po marrón que resultou ser heroína. En total, pesaban 9,478 gramos e alcanzarían un valor no mercado 684,34 euros.
Tres meses despois, sobre as 9.25 horas do 15 de setembro de 2014 os axentes sorprendérona no mesmo lugar con 39 bolsas de plástico que contiñan po marrón que resultou ser heroína cun peso total de 8,796 gramos e custaría no mercado ilícito 540,55 euros, "coa clara intención de vendelas a terceiros".
Ese día, ademais, levaba un caderno con tapas azuis de pequeno tamaño e inscrición 'A Barca- Área de servizo' con anotacións no seu interior e no rexistro da súa casa incautaron unha balanza de precisión 118 bolsas de plástico transparente con peche hermético e unha caixa de caudais de cor vermella con chave de peche que tiña dentro unha bolsa hermética transparente cun recorte de papel con inscrición manuscrita 'Da bolsa de Laura, 3.140 euros'.