Se Vigo ten "Dinoseto"... O Grove terá "Centoloseto"
Por Oskar Viéitez
O mediático "Dinoseto" que tanto xogo lle deu ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, terá competencia no Grove co "Centoloseto" que se habilitará nos xardíns que rodean a Estatua do Mariscador na Praza do Corgo.
Mediante a plantación de begonia vermella conseguirase realizar a forma do centolo, segundo a imaxe habitual da Festa do Marisco do Grove. O resultado final previsto caracterízase polo colorido e a espectacularidade, mellorando un espazo que levaba moitos anos sen atención e que fora mellorado o pasado ano coa limpeza da escultura.
Os alumnos do Obradoiro de Emprego que participan nos cursos de xardinería teñen elaborado en colaboración do paisaxista Jose Souto de Innova Paisaxes (gañador en varias ocasións dos premios de do Festival Internacional de Xardinería de Allariz) este espectacular proxecto de reforma dos xardíns.
A intención é "crear un contorno no que a escultura e o xardín acaben sendo unha unidade, un conxunto harmonioso e con evolución ". Para ese fin tiveron en conta factores como a adecuada dotación de sistema de rego así como a selección de especies que soporten adecuadamente os ventos da zona así como a proximidade co mar.
Ademais diso, a proposta plantéxase de tal xeito que o tipo de especies teñan o seu maior momento de esplendor durante o verán ao ser o momento no que esta zona recibe un maior número de visitas.