Ponte Caldelas regula a instalación de terrazas, pero non cobrará taxas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas está impulsando a primeira ordenanza reguladora das terrazas da hostalería local nos espazos públicos. Xa conta cun borrador que este venres se presentou ante os empresarios e o obxectivo é que estea aprobado o vindeiro verán.
O Concello deu a coñecer algúns datos desa nova normativa, entre eles, que non impluirá o pago de taxas e que a súa única intención é axudar á hostalería a facer o seu traballo cunha boa ordenación nunha práctica que ata o de agora estaba desregulada.
Con esta ordenanza, a actividade quedará amparada pola concesión dunha licenza municipal que deberá renovarse anualmente. O Concello resérvase a posibilidade de suspender a autorización coincidindo con eventos, festas, procesións, manifestacións ou eventos culturais ou deportivos, así como pola realización de obras municipais nos espazos públicos.
A autorización concederase, como norma xeral para 20 veladores (mesa con catro cadeiras), pero o número reducirase proporcionalmente en función do espazo público dispoñible. No caso de estar montadas sobre beirarrúas, non poderán ocupar máis do 50% do ancho total.
O horario será ata as 00.00 horas nos días de semana e ata as 01.00 horas os venres, sábados e domingos en horario de inverno. En verán autorízase media hora máis e haberá horarios especiais coincidindo con festas ou eventos públicos.
Para a Alameda créase unha regulación especial, que consiste nun mapa de ocupación que será elaborado polo Concello en función das solicitudes presentadas polos hostaleiros.