Comisiones Obreras demandará o Concello de Sanxenxo por negociación ilegal
Por Anxo Lourido
O Concello de Sanxenxo constituía nas últimas horas as mesas de diálogo para avanzar na negociación dos convenios colectivos para o persoal laboral tanto do Concello como do Organismo Autónomo Terra Sanxenxo. Así o anunciaba a concelleira de Persoal, Vanessa Rodríguez acompañada polo concelleiro de Economía, David Otero e polo alcalde Gonzalo Pita.
Comisiones Obreras, a través do seu secretario comarcal, José Luis García Pedrosa, anunciaba este venres 17 que presentarán no xulgado unha demanda por unha negociación ilegal, atendendo á Lei de Emprego Público de Galicia. Nesta norma establécese un novo marco xurídico no que se obriga á constitución dunha mesa xeral de negociación de empregados públicos.
Segundo García Pedrosa, o goberno local de Sanxenxo está a evitar esta orde para beneficiar o sindicato CIG, ao que acusa de ser dócil coas políticas laborais implantadas polo equipo de Gonzalo Pita. Indica que Comisiones Obreras conta con 10 delegados sindicais, fronte aos 6 de CIG e os 2 independentes. Sinala que a concelleira Vanessa Rodríguez só está a negociar dous convenios colectivos, cos traballadores de Terras Sanxenxo e co persoal laboral.
Segundo o máximo representante comarcal de CC.OO., esta decisión prexudica a máis de setenta traballadores, entre funcionarios, persoal de Nauta e de Turismo Sanxenxo, aos que se lles nega o dereito unha negociación colectiva, apunta García Pedrosa.
Desde este sindicato afirman que o goberno local de Sanxenxo leva desde setembro de 2015 ata agora sen negociar o convenio, a pesar de ser solicitado a través dunha moción plenaria. Ante esta situación, os representantes de CC.OO. non acudirán á próxima reunión do 29 de marzo no que está previsto que se aborden os primeiros artigos sobre o convenio colectivo para o persoal laboral e García Pedrosa alerta de que tentarán buscar outra negociación que se axuste á lei, aínda que teña que ser cunha sentenza por diante.
O sindicato tamén iniciará unha campaña informativa polos centros de traballo para denunciar esta situación e non descarta mobilizacións de protesta.
Relacionadas:
-
Comisións Obreiras demanda o Concello de Sanxenxo por negociación ilegal
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local de Sanxenxo contraataca e acusa a CC.OO. de intentar coaccionalo
Por Redacción |
-
Ven indicios de "prevaricación" no acordo laboral do Concello de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo equipara o persoal laboral cos funcionarios, sen o apoio de CC.OO.
Por Redacción |
-
Pleno axitado en Sanxenxo onde Roberto Agís apoia o PP e bota abaixo o orzamento
Por Redacción |
-
CC.OO logra a maioría sindical no Concello de Sanxenxo e esixe un novo convenio
Por Redacción |