A Garda Civil rescata unha persoa maior desorientada que tentaba cruzar a autoestrada
Por Redacción
Unha patrulla do Subsector da Garda Civil de Tráfico do Destacamento de Pontevedra evitou este xoves unha perigosa situación na autoestrada AP-9 ao seu paso pola cidade de Lérez.
Os axentes, que patrullaban pola autoestrada sobres as 13:15 horas, decatáronse da presenza dunha persoa de avanzada idade que tentaba cruzar a vía á altura do quilómetro 129,5, nas inmediacións da Comandancia da Garda Civil.
Inmediatamente, ante o risco para o peón pero tamén para os condutores, realizaron un cambio de sentido e detivérono xusto no momento no tentaba cruzar os carrís sentido Vigo, o que tería provocado que quedase atrapado na medianeira co consecuente perigo para a súa integridade física.
O home, veciño de Pontevedra de 70 anos de idade, atopábase desorientado e foi trasladado de inmediato a unha zona segura, desde a que se avisou á súa familia a través do teléfono móbil que levaba consigo. Posteriormente foi recollido por un familiar san e salvo nas dependencias da Garda Civil de Tráfico na Comandancia de Pontevedra.
Desde as forzas e corpos de seguridade insisten na importancia de dotar con teléfonos, pulseiras ou medallas con datos persoais ás persoas en situacións como a descrita para facilitar a localización dos seus seres queridos e a súa rápida devolución ao domicilio familiar.