A demanda de profesionais do sector turístico apuntala a súa formación en Sanxenxo
Por Redacción
O sector turístico demanda profesionais ben formados e con coñecementos suficientes para atender a intensa actividade que vive Sanxenxo, sobre todo, durante os meses de verán. Por este motivo, o alcalde do municipio Gonzalo Pita espera que a próxima edición do obradoiro de formación permita un maior número de prazas, ademais da ampliación de duración, que será de noves meses, segundo confirmou a Xunta de Galicia.
Durante estes días, os dez estudantes de cociña e os dez de sala que levan preparándose desde setembro ultiman a súa formación para incorporarse ao mercado laboral.
O goberno municipal compartía con máis de cincuenta representantes de diversos colectivos de Sanxenxo unha comida nas instalacións onde se desenvolve o obradoiro no porto deportivo. Unha comida elaborada e servida por estes estudantes.
Con esta proposta, o alcalde e os concelleiros de Educación e Turismo agardan que se teña en conta a estes alumnos por parte do sector turístico para incorporalos na súa totalidade á actividade laboral durante os próximos meses.