A Deputación acusa o alcalde de Meis de "falsificar documentos" e "mentir como un bellaco"
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera (BNG), asegurou que o alcalde de Meis, José Luis Pérez (PP) "falsificou" un documento no que aseguraba que estaban os terreos a disposición para poder acometer a reforma dunha estrada provincial "e non o están".
"Que facemos? Metémolo no xulgado?", preguntou o vicepresidente.
Mosquera reaccionou deste xeito tras a rolda de prensa ofrecida polo rexedor en Mosteiro en compañía dos deputados provinciais do Salnés, Luís Aragunde e Salomé Pena, e dos portavoces do PP na Deputación, Nidia Arévalo e Ángel Moldes. Os dirixentes conservadores colgaron un panel reivindicativo, no que denunciaban que a administración provincial "paralizou sen xustificación" o proxecto de ensanche da estrada de Mosteiro a Arcos (EP-9401).
Este xoves o vicepresidente provincial indicou que xa se lle comunicou esta decisión ao alcalde despois de tentar sacar adiante o proxecto. De feito, Mosquera dixo que se celebraron varias reunións para advertir destes problemas de falta de disposición dos terreos necesarios para acometer a obra.
César Mosquera revelou que por este tipo de actuacións "xa houbo que chamar a capítulo" a outros alcaldes que igualmente "asinaron que os terreos estaban a disposición, sendo falso" e sinalou o problema que se xera se as máquinas da Deputación entran nun terreo que é privado.
O vicepresidente da Deputación destacou que hai obras na administración provincial cuxas tramitacións "son auténticas trapalladas" pero criticou a "desvergoña" que ao seu xuízo supón que "alguén que comete un delito, como é certificar algo que é falso, que salga presumindo e mentindo como un bellaco".