Propoñen facer un mural co debuxo dun personaxe relevante nas medianeiras da Peregrina
Pintar un mural nas medianeiras situadas tras a Peregrina é unha das ideas que o concelleiro de Obras, Luís Bará, estuda para mellorar o aspecto desa zona. Esta reforma que se tentou acometer en diferentes mandatos mantense pendente da aprobación dun proxecto por parte do patrimonio da Xunta.
Xoana Almar e Miguel Peralta son artistas plásticos que forman parte da cooperativa Cestola na Cachola, unha empresa que actualmente se encarga da remodelación pictórica do pombal da Alameda de Pontevedra. Eles perfílanse como unha das principais alternativas que manexa o goberno local para mellorar a imaxe dos edificios situados detrás do santuario da Peregrina. Segundo comenta Miguel Peralta: "A nós preguntáronnos, no caso de que se pintase, que podería custar". En canto a ideas creativas para as medianeiras, Xoana entende que serían perfectas para un gran mural: "Estaría xenial porque é unha parede que está fatal, nun espazo incríble. Se non o pintamos nós que o pinte alguén", afirma esperando que algún proxecto poida desenvolverse.
Miguel Peralta propón como mural "un personaxe grande" polo carácter emblemático que posúe a zona da Peregrina. Ademais engade que "é un espazo que impón moito respecto, habería que investigar moito e saber que sería o máis adecuado", apunta.
POMBAL DAS PALMEIRAS
Luís Bará contactou coa cooperativa Cesta na Cachola para levar a cabo a remodelación do pombal nos Xardins de Vicenti, proxecto contiguo á reforma do estanque das Palmeiras de Pontevedra para que levasen a cabo un mural que resulta rechamante. O traballo que están a realizar Xoana e Miguel é un dos tres proxectos que pretende levar a cabo o Concello de Pontevedra para mellorar espazos da cidade.
Os traballos de embelecemento do pombal empezaron antes de nadal e ambos os pintores esperan que conclúa este sábado 18. Os problemas do atraso nas obras debéronse principalmente ao mal tempo durante o mes de febreiro. Xoana admite que a principal dificultade foi realizalo no inverno porque os días son máis curtos e o frío tamén dificulta o traballo.
Afirman que o concelleiro de Obras depositou total confianza nesta cooperativa, debido aos proxectos que realizaron anteriormente. Desta forma, deulles total liberdade para escoller a temática do debuxo. Ambos os pintores tiveron que adaptarse ao formato circular preestablecido polo pombal. Decidiron levar a cabo unha metáfora representando un ciclo. Disto modo, Xoana é a encargada da parte inferior, pintando un río que vira. Mentres que a parte superior é obra de Miguel, quen decidiu representar a unha muller que dispara frechas que retornan cara a ela. "Está como Guillermo Tell tentando darlle á mazá da súa cabeza", apunta.
Para a elaboración dos debuxos utilízanse pérticas, rodetes e pintura plástica con resistencia á humidade. Por outra banda, o estilo "non é unha tendencia artística, é a mestura de gustos e influencias do mundo da ilustración, cómic, pintura clásica e do traballo cotián", aseguran. Con todo, Xoana sente certamente influenciada por Violeta Lopiz, ilustradora Ibicenca.
O mural que están a realizar no pombal é unha das súas primeiras obras na comarca de Pontevedra, pero, tanto de maneira individual como en forma de cooperativa, Xoana e Miguel realizaron numerosos traballos, sobre todo na zona da Ribeira Sacra.
Relacionadas:
-
Os socialistas queren retomar a solución de Teresa Casal para as medianeiras da Peregrina
Por Oskar Viéitez |
-
Xa está rematado o pombal das Palmeiras, sabes o que representa o seu mural?
Por Redacción |
-
Unha intervención artística, solución para as medianeiras da Peregrina?
Por Alejandro Espiño |
-
Tes fotos antigas do estanque das Palmeiras? Meli Fandiño promove unha mostra desta zona emblemática
Por Redacción |
-
O goberno local quere converter en murais artísticos algunhas medianeiras
Por Redacción |