A cirurxía galega mira ao Hospital Montecelo no tratamento do cancro hepático
Por Redacción
A unidade de Cirurxía hepática e pancreática do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra suma xa 50 hepatectomías laparoscópicas para o tratamento de cancro hepático e metástase hepática de cancro de colon.
Desta forma convértese na unidade pioneira en Galicia no emprego de técnicas deste tipo de cirurxía por vía laparoscópica e en tres dimensións, segundo expoñen desde os hospitais de Pontevedra. Isto permite que se sitúe nos máis altos estándares de calidade da comunidade sanitaria de Galicia.
O doutor Elías Domínguez Comesaña e o seu equipo obtivo excelentes resultados en relación coa cirurxía oncolóxica de fígado e de páncreas. Realizáronse 500 intervencións, converténdose na unidade que conta con máis experiencia en Galicia.
A utilización da torre de laparoscopia 3D, o ecógrafo laparoscópico e o hadport, técnicas moi pouco invasivas, reduciron a mortalidade ante estas doenzas no Complexo Hospitalario nos casos de pacientes con cancro hepático ou con metástase hepática de cancro de colon. Antes era necesario facer profundas incisións para poder intervir.