Seis meses de prisión por mentir sobre un accidente para reclamar diñeiro ao seguro
Por Natalia Puga
Os pontevedreses Nuria L.R. e Victor Manuel A.M. confesaron este xoves que en maio do ano 2013 cometeron un delito de estafa procesual en grao de tentativa ao mentir sobre un accidente de circulación para obter unha indemnización da compañía de seguros.
Ambos sentaron no banco dos acusados da Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra e, tras alcanzar un acordo de conformidade coa Fiscalía, conformáronse coa pena que lle solicitaban, seis meses de prisión e o pago de 2.400 euros en concepto de responsabilidade civil.
O fiscal pedía inicialmente para eles once meses de prisión, pero, ao confesar os feitos, beneficiáronse dunha redución da pena. Ademais, a Audiencia ditará unha sentenza condenatoria na que se suspende a pena de ambos e non terán que ingresar en prisión por este delito a condición de que non cometan ningún outro delito en dous anos e abonen a indemnización imposta.
Os acusados tentaron cometer este delito polo que os condenaron o 15 de maio de 2013 ao denunciar no Xulgado de Tui un accidente que, segundo o fiscal, "non se correspondía coa realidade" e eles sabíano, pero fixérono con intención de beneficiarse do seguro contratado polo coche accidentado coa compañía Allianz Seguros S.A.
O accidente que eles describiron ocorreu cando un animal irrompeu na estrada PO-342 pola que eles circulaban en coche e, para evitarlo, chocaron contra un bloque de granito. Reclamaron danos e prexuízos, pero durante a instrución confirmouse a falta de concordancia dos feitos relatados coa realidade, de modo que xa non llos pagaron.