Que sucede co Sendeiro Azul en Ponte Caldelas?
Por Redacción
O Partido Popular de Ponte Caldelas denuncia o mal estado en que se atopa o Sendeiro Azul do municipio e mostra a súa "perplexidade" ante o anuncio do Concello de promocionar as rutas de sendeirismo do municipio ao entender que se atopan nun estado de total abandono.
Ricardo Castro, portavoz do PP, asegura que o Sendeiro Azul presenta graves danos, entre os que destaca fochas provocadas por un tractor e coa maioría dos sinais moi deteriorados. Desde as filas populares suman a estes danos a mala conservación da Área Arqueolóxica de Tourón. Indican que o valado de madeira atópase derrubado e podrecido, ademais de denunciar que a zona leva dous anos sen limpar.
Din que esta situación foi denunciada dúas veces no pleno sen que o alcalde Andrés Díaz ofrecese unha resposta. Sinalan que o anterior alcalde, Perfecto Rodríguez, deixou a rede de sendeiros feita e tamén a área arqueolóxica e que o actual goberno nin sequera mantena en bo estado.
COMEZAN AS XORNADAS DE "PATEA TAPEA"
O Concello, pola súa banda, anuncia que este sábado 18 de marzo comezarán as saídas polos Sendeiros en Rede a través da proposta "Patea Tapea". Unha iniciativa que comeza ás 11.00 horas. Aquelas persoas que queiran participar só terán que presentarse nos exteriores da igrexa de Santa Baia de Caldelas para iniciar o percorrido polo carreiro de San Vicente e polo camiño de Roriz. Despois trasladaranse a Laxoso para tomar unha tapa para, a continuación, iniciar o regreso.
Segundo o goberno local, os participantes poderán comprobar todos os tramos dos Sendeiros en Rede: San Vicente, Tres Montes, Almiñas e Carreiro Azul, que se atopan interconectados grazas á sinalización do novo carreiro dos Tres montes.
Para asistir a esta iniciativa é necesario levar calzado cómodo e adecuado para afrontar tramos con charcos de auga durante a ruta. Tamén recomendan roupa confortable e algo de bebida. Esta primeira ruta será de 12 quilómetros, coa posibilidade de percorrer só 6 quilómetros para aquelas persoas que prefira realizar un tramo máis curto. O nivel de dificultade é medio-baixo.
Relacionadas:
-
Un cento de persoas estrea o formato de tarde do programa de andainas Patea Tapea
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas sae a patear
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas emprega os sendeiros de andainas para buscar novos veciños
Por Redacción |
-
Sendeiros en Rede, a aposta de Ponte Caldelas polo "turismo verde"
Por Redacción |