A viceministra de Cultura rusa interésase pola oferta turística do Salnés
Por Redacción
A viceministra de Cultura de Rusia, Alla Manilova, participou nunha das presentacións realizadas na Feira de Turismo MITT pola delegación do Salnés, encabezada polo delegado de Turismo da Mancomunidade e alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita.
Neste encontro, Alla Manilova coñeceu tanto o destino O Salnés como as diferentes posibilidades turísticas que ofrece Galicia que durante a presentación en Moscova centráronse no turismo gastronómico, enolóxico e cultural.
Durante a súa estancia na feira, Gonzalo Pita, que conta cos servizos dunha intérprete rusa, mantivo reunións con tres operadores de turismo que recentemente visitaron Sanxenxo, convidadas pola mancomunidade, e puido constatar que estas empresas comezaron xa a comercializar viaxes a Galicia, e concretamente ao Salnés, rexistrando xa un sensible incremento de público interesado neste destino.
E é que O Salnés está presente nesta Feira de Turismo desde hai catro anos, sendo a primeira comarca galega en elaborar material promocional específico para este evento. Con todo trátase da primeira vez que a mancomunidade despraza a unha delegación propia á Feira de Turismo MITT, apostando ata agora por promocionar o destino a través de Turespaña e Turgalicia.
A mancomunidade con esta primeira visita á Feira de Turismo busca involucrar ás operadoras de turismo rusas na comercialización do destino, con viaxes orientadas a un perfil de turista cun poder adquisitivo alto, maduro, que busca un destino especializado e que xera un gasto medio sete veces superior ao turista español e cinco veces por encima do británico.