"Se Caballero quere estar en Vigo ata os 90, a min xa me parece normal estar ata os 70"
Por Alejandro Espiño
De retranca. Así tirou Miguel Anxo Fernández Lores para explicar a súa decisión de presentarse ás eleccións municipais de 2019, en busca dun sexto mandato á fronte da Alcaldía de Pontevedra. "Será a última vez que me presente", reiterou.
Así, Fernández Lores botou man dunhas recentes declaracións do alcalde de Vigo, Abel Caballero, que suxería a posibilidade de liderar a cidade olívica ata 2035. "Se Caballero quere estar en Vigo ata os 90 anos, a min xa me parece normal estar ata os 70", bromeou o rexedor pontevedrés.
Xa cun aspecto máis serio, o alcalde explicou que non era a súa intención desvelar con tanta antelación os seus plans. "Pilloume de sorpresa na entrevista e non souben escapar", dixo. Iso si, en Pontevedra foi máis aló e sinalou con rotundidade que se presentará ás próximas eleccións se o BNG ten "interese" en que "siga traballando por Pontevedra".
"Non son partidario de eternizarme e si de gozar da vida", explicou. Pero Lores asegura estar disposto a "facer un esforzo" e atrasar a súa xubilación porque "estamos nun momento doce" e na cidade "hai moitas cousas que temos en marcha".
O alcalde insistiu en que "estou animado" para seguir á fronte do goberno municipal, porque asegurou estar "moi a gusto" en Pontevedra e móstrase convencido de que "podemos seguir aportando cousas".
Ademais, Fernández Lores adiantou que a "experiencia" que acumulan os membros do goberno municipal "hai que aproveitala ao máximo", polo que é partidario de que na candidatura do BNG o acompañen gran parte dos seus actuais compañeiros.
Iso si, o rexedor pontevedrés asegurou que "se algo hai non BNG é recambio" e destacou que no partido hai "ducias" de persoas "capacitadas" para dar o salto á primeira liña, como fixeron neste mandato Anabel Gulías ou Alberte Oubiña, e que "haberá máis" nos próximos anos.
O que non lle preocupa a Lores son os rivais que terá enfronte nas próximas eleccións porque, dixo, ningún deles "ten unha alternativa mellor da que ofrecemos nós".