Sendeiros en Rede, a aposta de Ponte Caldelas polo "turismo verde"
Por Redacción
Un total de 40 quilómetros de rutas interconectadas coas que coñecer a paisaxe natural de Ponte Caldelas. É a oferta que o goberno municipal decidiu englobar no proxecto Sendeiros en Rede, co que buscan converterse nunha referencia dentro do "turismo verde" da comarca.
O proxecto descansa, segundo sinalan desde o Concello, sobre a base de tres rutas xa existentes ao norte do río Verdugo e a creación dunha nova, co nome de Sendeiro dos Tres Montes, no espazo interior entre todas elas, o que permite conectalas con moitas opcións diferentes e planificar multitude de excursións á carta.
Todas elas comezarán a promocionarse nos próximos días coa organización dun calendario estable de andainas que pretende combinar o lecer dos veciños coa atracción de visitantes.
O goberno ten previsto sinalizar todas estas rutas cunha imaxe conxunta e editar un folleto explicativo. Ademais, o Concello avanza que nos próximos anos irá ampliando a rede coa incorporación de novos itinerarios singulares.
Sendeiros en Rede comeza por poñer en valor tres rutas tan consolidadas como o Sendeiro Azul, o Sendeiro de San Vicente e o Sendeiro das Almiñas, que ata o de agora funcionaban como opcións illadas.
DETALLES DAS RUTAS
No espazo entre todas elas créase a Ruta dos Tres Montes como verdadeiro elemento dinamizador. O novo sendeiro está concibido para conectar cos outros tres, pero tamén para gozar do seu percorrido. Pódese coller dende moitos puntos, pero o máis sinxelo é comezalo no centro urbano.
De cruceiro en cruceiro amosa tres modelos de xestión do monte (pastizais adevesados, piñeiral e eucaliptal) e sobe, asomándose á serra de Castrelada, ata o miradoiro do monte do Castelo, onde había unha torre dende a que se controlaba o territorio coñecido como o Caldevergazo. A súa lonxitude é de 10 quilómetros e dá a volta polos camiños de Sorreira, Roriz, O Castelo, Pedra do Cervo e a pista forestal que percorre os tres modelos forestais.
O Sendeiro Azul é a ruta circular de 8,3 quilómetros que parte do centro urbano e da praia da Calzada e que busca sempre as marxes do río Verdugo ata cruzar sobre os famosos pasos da Fraga, unha das iconas paisaxísticas de Ponte Caldelas.
O Sendeiro de San Vicente, o situado máis ao oeste, sae tamén do centro urbano e sobe pola Quintán ata a valgada do regato. Ao longo duns 12 quilómetros transita polo camiño da Torre, o camiño de carro de Gradín, a pista de Barcala, o camiño dos muíños, o da levada, o camiño de Paradela e culmina no acceso aos petróglifos de Tourón.
No extremo este sitúase a ruta das Almiñas, tamén cun percorrido superior aos 10 quilómetros, que dá toda a volta por Laxoso, conecta con Portasouto e pasa, ao outro lado do Verdugo, ata Caritel. Recibe ese nome porque permite visitar dous petos de ánimas e camiños tradicionais empedrados polos que transitaban os carros que levaban os mortos a enterrar.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas sae a patear
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas emprega os sendeiros de andainas para buscar novos veciños
Por Redacción |
-
Que sucede co Sendeiro Azul en Ponte Caldelas?
Por Redacción |
-
Seguindo as pegadas dos nosos tataratataravós
Por Redacción |
-
Comezan o asfaltado do paseo da Calzada e a creación dun carril bici no río Verdugo
Por |
-
Os caldeláns estrean o Sendeiro Azul cunha andaina popular
Por Redacción |