O orzamento municipal de 2016 rozou finalmente os 83 millóns de euros
Por Alejandro Espiño
Case once millóns de euros máis dos orzamentos no seu día. Así pechou o Concello de Pontevedra as contas municipais de 2016, segundo a liquidación definitiva realizada polo servizo de Intervención. Dos 71.915.000 euros aprobados inicialmente no pleno, pasouse aos 82.634.000 euros cos que se pechou o exercicio.
O aumento débese ás incorporacións e modificacións de crédito que se foron aprobando ao longo do ano, segundo explicou o edil de Facenda, Raimundo González.
O informe de Intervención certifica que o grado de execución do orzamento alcanzou o 87,87%, unha vez se incorporaron as obrigacións e créditos comprometidos e pendentes de certificar. No capítulo de investimentos, a execución foi do 75,71%.
Os datos avalan, segundo González, a boa saúde económica do Concello e a "solvencia" da administración municipal.
A débeda, a 31 de decembro de 2016, situouse en 16,6 millóns de euros, a cifra máis baixa dos últimos anos. Hai 13 millóns de remanente líquido de tesourería e "na caixa", sinalou o edil do BNG, hai 23,5 millóns "para facer fronte a pagos e imprevistos". Ademais, págase aos provedores en menos tempo do que obriga a lei -en 34,75 días en xaneiro-.
O superávit definitivo, engadiu, alcanzou os 5.580.000 euros.
Este diñeiro destinarase, unha vez apróbense os orzamentos do Estado, a investimentos financieramente sostenibles. Gran parte do remanente, engadiu Raimundo González, será reinvertido en modificacións de crédito para asumir proxectos de índole social e novos investimentos no municipio
Relacionadas:
-
Os populares lamentan que o BNG sexa "incapaz" de xestionar a metade dos seus investimentos
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello lamenta o "ataque sistemático" do PP a empresas pontevedresas
Por Alejandro Espiño |
-
O PP denuncia o "festival de dedazos" do Concello para reducir o superávit de 2016
Por Alejandro Espiño |
-
O "escalofriante" superávit amosa, segundo o PP, que "hay margen" para baixar os impostos
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello calcula un superávit de 5 millóns de euros nas contas de 2016
Por Alejandro Espiño |