A posible candidatura de Lores en 2019, un segredo a voces en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Nunha entrevista concedida á Cadena SER, Miguel Anxo Fernández Lores confirmou o que xa era un segredo a voces en Pontevedra. Optará a un sexto mandato. En 2019, volverá presentarse, "probablemente" matizou, ás eleccións á fronte do BNG. Trátase dunha decisión que o propio alcalde insinuaba nos seus círculos máis íntimos desde había tempo.
Tras catro mandatos xa cumpridos e o quinto a medio camiño, Fernández Lores aclarou que, no caso de revalidar a Alcaldía, cumpriría 70 anos -24 deles como alcalde- polo que sería a "última vez" que se presentase. Así o suxeriu tamén en contactos informais con xornalistas durante os últimos meses.
"Non vou a estar eternamente", destacou o alcalde, que mostrou o seu desexo de "disfrutar da miña xubilación e da miña familia".
Malia gobernar Pontevedra desde 1999, Lores asegura que "aínda queda traballo por facer", xa que moitos dos proxectos terminarán por dar forma ao modelo urbano que impulsou o BNG "están en marcha e sen rematar".
A dúbida agora céntrase en saber que persoas acompañarano no seu intento por revalidar a Alcaldía nas eleccións municipais de 2019.
El teno claro. No seu actual grupo municipal "hai unha bagaxe que non podemos perder". Pero aínda quedan dous anos para as eleccións e, en política, iso é moito tempo. Iso si, non parece probable que a Fernández Lores non lle acompañen gran parte dos seus actuais compañeiros de goberno.
Un deles, Raimundo González, entende que sobre o candidato non hai dúbidas porque "é excepcional", pero a partir de aí "poden pasar moitas cousas". El asegura estar "dispoñible" para o que queira o alcalde, pero non quixo pronunciarse dunha forma máis clara porque "hai uns trámites e unhas maneiras de facer as cousas".
Tampouco César Mosquera ou Carme da Silva quixeron decantarse. Os dous coinciden co actual portavoz do goberno municipal. "Estamos falando con moita antelación", aseguran tres dos edís que forman parte do "núcleo duro" do BNG en Pontevedra