Unha nova reforma para que a Alameda de Seixo sexa "máis funcional"
Por Redacción
O Concello de Marín ultima o proxecto da que será unha nova reforma da Alameda de Seixo, diante da Casa da Cultura.
Esta actuación, para a que se destinarán preto de 75.000 euros, responde os problemas que xerou o entarimado de madeira despois da última remodelación e ás peticións dos veciños, que reclaman unha praza "máis funcional, máis cómoda, sen sobresaltos para os nenos e cunha superficie que permita utilizar esta contorna con máis comodidade", recoñece o goberno local.
Dado que a Alameda foi remodelada recentemente, un dos obxectivos será reutilizar "na medida do posible" os materiais e o mobiliario urbano existente, tendo en conta que se trata dun espazo vinculado á Casa da Cultura e que os nenos son os seus principais usuarios.
Actuarase nunha superficie total de 693 metros cadrados e a intención, unha vez finalizados os últimos trámites previos, é incluír o proxecto dentro do próximo orzamento municipal para o seu financiamento.