Toma nota! Que un delincuente non che augue a xubilación
Por Natalia Puga
O pasado 1 de marzo, un veciña de Poio de 90 anos foi vítima dunha estafa telefónica na que unha persoa que se fixo pasar polo seu sobriño que vive en Estados Unidos quedou con 2.000 euros da súa propiedade. Tan só tres días despois, a noite do 3 ao 4 de marzo, unha muller de 75 anos sufriu un asalto, roubo e violación na súa propia vivenda en Bueu. Os delitos son completamente distintos, pero as vítimas teñen características en común, ambas son mulleres de idade avanzada que residen soas.
A elas e a potenciais vítimas de trazos similares está dirixido o Plan Maior de Seguridade do Ministerio do Interior, que este venres chegou a Cercedo-Cotobade.
O tenente da Garda Civil de Pontevedra Roberto Prado Fontán e o axente Ángel Doval Raposo foron os responsables da actividade, que se celebrou na Casa do Pobo de Tenorio e contou cunha notable afluencia de máis de 40 persoas de idade avanzada dispostas a recibir consellos para evitar ser vítimas de delitos similares aos rexistrados os últimos días en Poio e Bueu e doutros que proliferan entre as persoas maiores: roubos nos seus domicilios e na contorna de entidades financeiras, estafas, uso fraudulento das súas propiedades e diferentes tipos de malos tratos.
O tenente Prado Fontán leva un ano realizando este tipo de actividades por toda a provincia como parte do Plan Maior, dirixido á prevención e mellora da seguridade das persoas maiores e que inclúe charlas informativas e outras medidas de comunicación e colaboración na contorna deste colectivo.
A de Tenorio seguiu o esquema habitual de dar consellos aos asistentes e recomendarlles que, ante calquera dúbida ou comportamento sospeitoso, chamen ao 062, "que non teñan ningún temor en chamarnos", pois "se é unha falsa alarma, non vai pasar nada", pero unha alerta temperá pode permitir evitar moitos delitos.
Se os consellos que lles achegan non conseguen evitar que se convertan en vítimas, tamén deben ter a man o 062, "é importante que nós saibamos por onde se moven os delincuentes porque se non tampouco sabemos por onde se moven". "Se non temos coñecemento dos feitos non podemos facer nada", lémbralles, e engade que, por exemplo, co primeiro aviso dunha estafa deste tipo "igual evitamos 4 ou 5 estafas nos pobos de á beira".
Na zona de influencia de Pontevedra son máis habituais os timos teléfonicos, que "están a suceder agora tristemente con moita frecuencia", ou os roubos violentos como o de Bueu, pero a charla tamén alertou aos asistentes doutro delito que non se rexistra nesta zona, pero en xeral aumentou coa crise, os malos tratos a persoas maiores, tanto en residencias como en casas particlares e na rúa.
Un delito frecuente é o timo por parte de falsos revisores do gas ou da luz, pero o tenente Prado Fontán advertiu que é habitual que non denuncie, pois a xente sente vergoña e non dá conta do feito, sobre todo se a estafa é de cantidades pequenas como 50 ou 60 euros. Para evitar que os presentes pasen a engrosar a lista de vítimas, o tenente trasladoulles que "as empresas normalmente dan un aviso por escrito antes de ir" e, ademais, "teñen un teléfono de contacto ao que se pode chamar para corroborar estas situacións" e "en ningún caso cobran en metálico".
"Esta xente é moi habilidosa á hora de chamar por teléfono", advertiulles, coa fin de que extremen as precaucións cando reciban unha chamada deste tipo na que lles piden diñeiro, pois tanto pode ser unha estafa como a de Poio como un secuestro esprés.
As persoas maiores son as máis vulnerables e branco habitual dos delincuentes porque, entre outras circunstancias, teñen o costume de ter grandes cantidades de diñeiro en casa ou de acudir a cobrar a pensión sempre nos primeiros días do mes, de modo que se expoñen a que os delincuentes lles vixíen e, ao saír do banco, adoitan seguilas e roubarlles tanto nas inmediacións do banco como xa ao seu regreso a casa. Respecto diso, o tenente Prado Fontán lembrou un caso recente na comarca do Salnés no que unha muller foi vítima do clásico timo da estampita.
Relacionadas:
-
Ante os malos tratos, un roubo ou unha estafa, dous consellos: "sexan precavidos e denuncien"
Por Natalia Puga |
-
Tratan de estafarlle 10.000 euros a unha anciá de Cambados co "timo da estampita"
Por Redacción |
-
Ensinan a maiores de Poio como evitar ser vítimas da delincuencia
Por Redacción |
-
Estafa 2.000 euros a unha anciá de Poio tras finxir ser un sobriño seu que vive en Estados Unidos
Por Redacción |
-
Asaltan unha anciá de Bueu na súa casa e agrédena sexualmente tras amordazala
Por Redacción | Creada e actualizada