Un mosaico para conmemorar o Día Mundial da síndrome de Down
Por Mónica Patxot
Conmemorar o Día Mundial da síndrome de Down é o obxectivo da asociación Down Pontevedra 'Xuntos' co proxecto que está realizando na Avenida das Corbaceiras, pero tamén recordar aos pontevedreses a importancia da inclusión social.
Desde o pasado 6 de marzo Xuntos traballa na creación dun mosaico feito con pequenas pezas de azulexo nunha parede cedida polo Concello. Situado baixo a ponte da Barca, o mosaico representará unha ponte, símbolo da cidade, e fará alusión a Down Pontevedra e ao Día Mundial.
Trátase dunha iniciativa que naceu do artista ourensán Gerardo Rodríguez "Chere" para colaborar coa asociación e na que Xuntos salienta "a colaboración de moitos veciños e veciñas da cidade para que este proxecto se faga realidade", recoñeceu o seu presidente, Manuel Pérez Cabo.
Na súa elaboración están colaborando outras entidades sociais da cidade, colexios, institutos ou asociacións de veciños. Por exemplo, este venres estiveron axudando no lugar usuarios, profesionais e directivos de Down Pontevedra, persoas usuarias da Organización ONCE, membros da Asociación de Veciños Castelao, xogadores da Sociedad Deportiva Teucro e a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces.
Está previsto que os traballos de elaboración do mosaico se prolonguen ata o próximo día 17 de marzo.