A CIG conmemora o Día da Clase Obreira Galega reclamando dereitos para os traballadores
Por Diego Espiño
A CIG conmemorou este venres 10 de marzo o Día da Clase Obreira Galega, cunha concentración e a lectura dun manifesto na praza da Peregrina. Centos de militantes participaron deste acto que lle dá continuidade á campaña que se desenvolve dende o mes de decembro pola central nacionalista baixo o lema '2017, un ano de loita. Recuperemos os nosos dereitos".
Marcos Conde, secretario comarcal da CIG, indicaba neste acto que nos últimos anos as reformas laborais efectuadas polo PSOE e, sobre todo, polo Partido Popular rebaixaron as condicións de vida e de traballo en Galicia. Desta maneira, apuntaba, o traballo hoxe en día está vencellado á precariedade.
Neste sentido, dende a CIG entenden que a última reforma do PP está estragando os dereitos laborais que se foran acadando durante as últimas décadas. Desta forma, os empresarios teñen máis facilidades para despedir e ademais contan con mellores fórmulas para contratar temporal e parcialmente, apuntaba o secretario comarcal. Ante esta situación, a central sindical sinala que cada vez as condicións son máis duras para o colectivo obreiro con máis horas de traballo que non se remuneran e con baixadas ilegales de salarios a través dos convenios.
Mentres na Unión Europea subiron os salarios por riba do 9% en países como Francia ou Alemaña e case nun 4,5% en Portugal, no Estado español a suma dos salarios da clase traballadora descendeu un 11% nos últimos 6 anos, denuncian dende a CIG. Estes salarios pasaron, afirman, a mans dos ricos, xa que o capital incrementou a súa riqueza nestes anos en máis do 18%.
Ante a falta de maioría parlamentaria do Partido Popular na actual lexislatura, dende a formación nacionalista entenden que a mobilización na rúa é unha fórmula necesaria para gañar dereitos e cambiar esta dinámica. Sobre todo, indican que en Galicia están desaparecendo sectores produtivos como a pesca, o agro e o naval, ademais de estar aproveitándose as hidroeléctricas das fontes de enerxía sin compensarlo.
Ante esta situación, e da mesma maneira que en marzo do ano 1972, a clase obreira galega erguíase para reivindicar os seus dereitos perdendo a dous traballadores que morrían ante a represión, a CIG reclama que se siga loitando polos dereitos laborais e pola reivindicación de postos de traballo dignos que eviten a emigración da mocidade galega. Na concentración atopábanse presentes representantes de Galiza Nova.