A Xunta non prevé a creación inmediata de máis prazas de gardería na comarca de Pontevedra
Por Anxo Lourido
A comarca de Pontevedra conta con 959 prazas públicas para menores de tres anos en 15 escolas públicas, once delas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o resto pertencentes á Consellería de Benestar. Así o afirmaba o máximo responsable do Consorcio, Perfecto Rodríguez, durante a súa visita á Escola Infantil da Parda, unha das máis grandes da comarca, con 115 prazas.
Perfecto Rodríguez indicaba que tamén hai escolas dependentes da Consellería en Marín, Poio, Ponte Caldelas, Barro, Vilaboa e Cotobade, ademais dunha casa-niño no Concello da Lama, un recurso que permite a conciliación familiar en pequenos concellos.
O xerente do Consorcio indicaba que non está prevista a creación de novas prazas de maneira inmediata nesta zona a pesar das preto de 250 familias na listaxe de espera que se rexistraron no Concello de Pontevedra. Sinala que a Xunta ten para eses casos os Bonos Concilia, que permite unha axuda económica para que os menores poidan acudir a centros privados.
Rodríguez, acompañado polo delegado territorial José Manuel Cores Tourís, indicaba que en Galicia a ratio se atopa nun 38%, similar ao da provincia de Pontevedra mellorando a que establece a Unión Europea dun 33%. Apuntaba, ademais, que nos últimos anos creáronse no Concello de Pontevedra, as Escolas Infantís da Parda, de Monte Porreiro e a do campus universitario. Tamén se refiriu á nova gardería de Seixo, en Marín.
En todo caso, non descartou que se siga traballando en incrementar as prazas infantís pero sinalou que esa decisión depende de acordos cos concellos, que previamente deben ceder os terreos para construír estes centros.
Relacionadas:
-
Medio millar de menores de tres anos quedan sen praza nas garderías de Pontevedra
Por Manu Otero |
-
A gardería infantil de Tenorio contará con climatización para combater a calor
Por Redacción |
-
A Xunta cualifica como "despiste" o incidente da infección ocular de dous nenos na escola infantil da Parda
Por Anxo Lourido |
-
A Xunta e o Concello de Marín asinan o convenio da nova Escola Infantil de Seixo
Por Redacción |