O goberno local de Sanxenxo reúnese cos veciños de Luis Rocafort e carga contra o PP
Por Redacción
O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, e varios membros do goberno local reuníronse este venres con integrantes da plataforma veciñal constituída na rúa Luís Rocafort para coñecer as súas demandas e trasladáronlles que o PP mente cando di que a reforma desta avenida contempla tan só 40 prazas de aparcadoiro, pois o dato real é de 90 prazas de estacionamento.
É unha cifra moi similar ás incluídas no primeiro proxecto redactado e presentado en Sanxenxo polo anterior goberno da Deputación Provincial, do PP.
Tras as críticas formuladas este xoves polo PP, o goberno local lamentou que os 'populares' utilicen o proxecto de Luís Rocafort para afianzar a súa estratexia de oposición baseada na mentira e na confusión á opinión pública e lembrou que o proxecto está a exposición pública desde o 1 de novembro e o PP non presentou ningunha alegación.
"Está a utilizar esta actuación como un mero instrumento político para ocultar a súa incapacidade para resolver as carencias desta rúa durante os seus anos de goberno tanto en Sanxenxo como na Deputación", denuncia o alcalde sobre a actitude do PP, á vez que pide ao partido da oposición que "deixe de mentir e de obstaculizar" e colabore co goberno local neste proxecto.
O alcalde comprometeuse a trasladar á Deputación de Pontevedra as suxestións realizadas polos comerciantes para valorar pequenas modificacións en tramos moi concretos, por se fora posible substituír os aparcadoiros en liña por estacionamentos en batería, incrementando desta forma algunha praza a maiores das xa contempladas.
Gonzalo Pita asegura que a prioridade do goberno é que se manteñan os prazos fixados coa Deputación e coa empresa adxudicataria de forma que a finais deste ano 2017 a avenida Luís Rocafort poida estar xa recepcionada e sexa, por tanto, municipal. Este obxectivo, con todo, é compatible con que o goberno local estea aberto a escoitar as suxestións que queiran facer os propietarios de locais comerciais nesta rúa
Relacionadas:
-
O PP di que a Deputación "non ten todos os terreos cedidos" na avenida Luis Rocafort
Por Redacción |
-
Pita asumirá un cambio en Luís Rocafort se é "sensato, viable tecnicamente e coherente"
Por Oskar Viéitez |
-
A oposición forza ao tripartito de Sanxenxo a pedir cambios en Luís Rocafort
Por Oskar Viéitez |
-
O PP de Sanxenxo súmase á demanda veciñal de máis prazas de aparcadoiro en Luís Rocafort
Por |
-
Os veciños de Luis Rocafort: "Beirarrúas si, estacionamento tamén"
Por Antía Fernández Buján |
-
Estudarán fórmulas para compensar o aparcamento que perderá Luis Rocafort
Por Redacción |