A Xunta cualifica como "despiste" o incidente da infección ocular de dous nenos na escola infantil da Parda
Por Anxo Lourido
O suceso rexistrábase durante este xoves 9 na escola infantil da Rede Galiña Azul da Parda. Dous nenos de dous anos de idade coábanse, cando camiñaban co resto de escolares desde o comedor ata a aula, no almacén onde se gardan os produtos de limpeza do centro. Os nenos manipularon unha botella de desinfectante que se utiliza para a limpeza de xoguetes.
Este venres, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitaba as instalacións e facía un chamamento á tranquilidade. Rodríguez remarcaba que é o primeiro incidente deste tipo que se rexistra nas escolas infantís durante este ano e o primeiro neste centro da Parda desde a súa inauguración en 2011.
Ademais, engadiu que o persoal do centro actuou con rapidez levando aos nenos ao Centro de Saúde da Parda e posteriormente ao servizo de Oftalmoloxía do Hospital para comprobar as consecuencias da manipulación do desinfectante polos dous escolares. E engadiu que este tipo de desinfectante é especial porque se emprega para a limpeza dos xoguetes que empregan os menores e, por tanto, non é especialmente tóxico.
Perfecto Rodríguez cualificou o suceso como un "descoido" e recoñeceu que descoñecía se as familias ían presentar algún tipo de acción xudicial contra a dirección do centro. A avoa do menor afirmaba no programa La Opinión de Radio Pontevedra que se lles administrou antibióticos, colirios e bágoas artificiais para o seu tratamento.
Un dos menores acudía xa na mañá deste venres á escola. O segundo neno reincorporarase o luns, segundo indicou o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Benestar, que afirma que o centro da Parda conta con 17 profesionais para atender oito unidades, superando a cociente establecido para estes casos.
Indicou que neste caso ábrese un expediente para mellorar a seguridade e evitar que poida repetirse un incidente destas características.