A Deputación pon en marcha un plan de melloras de parques e xardíns en toda a provincia
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra puxo en marcha un plan de melloras de parques e xardíns en toda a provincia, que ten a finalidade de mellora estética pero tamén busca poñer en valor o traballo que desenvolve a Escola de Cantería ou a Estación Fitopatolóxica do Areeiro.
O plan inclúe accións combinadas con elementos de xardinería, mobiliario urbano e tamén pezas de cantería artística.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, precisou que neste plan soamente entran espazos que xa existen e que sexa necesario mellorar, é dicir, non será posible solicitar a creación de novos parques, nin de mellora de instalacións, nin pavimentacións "xa que para iso xa existen outras liñas de axuda".
A día de hoxe 23 concellos de toda a provincia presentaron solicitudes aínda que a convocatoria segue aberta para aqueloutros municipios que estean interesados.
Carmela Silva tamén informou na súa comparecencia de prensa que a Xunta de Goberno da administración provincial, celebrada este venres, tamén aprobou as bases do Plan de prácticas laboral na Deputación e nos concellos ao que se destinan máis de dous millóns de euros para un total de 200 bolsas que se convocan en réxime de concorrencia competitiva.
Poderanse presentar persoas con títulos universitarios ou ciclos formativos de grao superior de Formación Profesional, que non teñan experiencia laboral previa. A dotación económica das bolsas é de 800 euros para os titulados universitario e 700 para os de Formación Profesional cunha duración de seis meses prorrogables por outros seis.
A Xunta de Goberno da Deputación tamén aprobou novas axudas incluídas do Plan Concellos.