A Xunta autoriza a comercialización do viño da IXP Ribeiras do Morrazo no mercado español
Por Redacción
O recoñecemento do viño de Ribeiras do Morrazo como indicación xeográfica protexida deu un paso definitivo. A Consellería do Medio Rural deu a coñecer un informe que lles outorga a protección nacional transitoria para comezar a operar baixo este selo no mercado español.
O informe presentouse no Consello da Xunta e este venres publicarase unha orde no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado, de modo que espérase que nesta campaña as adegas interesadas que pertenzan a algún dos oito concellos amparados por esta nova IXP poidan xa producir e comercializar os viños baixo este selo de calidade.
Segundo informou a Xunta, trátase dun paso previo ao recoñecemento desta etiqueta a nivel europeo. O seguinte paso será remitir o expediente a Bruxelas para que a Comisión Europea o avalíe e pase por outro proceso de oposición pública en toda a Unión Europea. Superada esta fase produciríase a inscrición no rexistro.
O proceso a nivel europeo é longo, de modo que se lle outorga esta protección nacional transitoria para poder comezar a operar no mercado. O obxectivo da Consellería de Medio Rural é que os viños da colleita deste 2017 elaborados polas adegas que comuniquen o seu interese en producir viños baixo esta IXP poidan facelo.
Esta nova IXP enmárcase nos concellos de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela. Os viños protexidos son brancos e tintos cunha graduación mínima de 11,5 e 10,0%, respectivamente. As uvas serán das variedades brancas albariño, caíño branco, godello, loureira, treixadura, branco lexítimo e torrontés e das tintas brancellao, caíño tinto, pedral, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón.
Na actualidade, de acordo cos datos do rexistro vitícola, nos oito concellos que forman a indicación xeográfica protexida hai 2.340 hectáreas de viñedo, aínda que non todas poderán fornecer viño á nova IXP, xa que non son admisibles todas as variedades que se cultivan. Hai sete pequenas adegas legalizadas nesta área xeográfica que producen entre 20.000 e 30.000 litros anuais.
Relacionadas:
-
Europa recoñecerá a IXP Ribeiras do Morrazo en cuestión de días
Por Redacción |
-
O BNG esixe á UE que recoñeza "de inmediato" o viño Ribeiras do Morrazo
Por Alejandro Espiño |
-
Queda recoñecida en España a indicación xeográfica protexida de viños "Ribeiras do Morrazo"
Por Redacción |
-
O viño Ribeiras do Morrazo dá un paso máis para conseguir a súa etiqueta
Por Oskar Viéitez |
-
A indicación xeográfica protexida de viños "Ribeiras do Morrazo" estrearase a próxima vendima
Por Redacción |