O acusado de matar e intentar roubar ao seu veciño de 92 anos nega os feitos e implica un coñecido
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O veciño de Valga Rafael Costa Bermúdez negou este xoves a acusación que o sentou no banco da Audiencia Provincial e o enfronta a 18 anos e cinco meses de prisión. Na súa breve declaración ante o tribunal, asegurou que o día que mataron e tentaron roubar ao seu veciño, José Manuel Burés Otero, de 92 anos e coñecido como 'Nelo O Rato', nin sequera estaba en Valga, senón en Vilagarcía.
O fiscal acúsao dun delito de intento de roubo con violencia en casa habitada e dun de homicidio e sostén que o 28 de maio de 2013 actuou de común acordo cunha persoa non identificada. Entraron na casa con intención de roubar ao seu veciño 'Nelo O Rato' e cando este os sorprendeu, déronlle fortes golpes na cabeza, arrastráronlle ata a capela anexa á casa e matárono estrangulándoo. Posteriormente, volveu cunha garrafa de gasolina e prendeulle lume ao cadáver.
Rafael Costa tan só respondeu ás preguntas do fiscal e rexeitou facelo ás do seu avogado defensor. Ademais de negar ser o autor do crime e intento de roubo, declarou que descoñece quen o fixo, pero "desconfia" dunha persoa, un coñecido de nome Juan que este xoves declarou no xuízo como testemuña.
O acusado explicou que un día ese home acudiu á súa casa para venderlle cocaína e cando viu a vivenda do seu veciño díxolle que podería ser un bo golpe. Cando lle indicou que tiña un can moi grande, segundo a súa versión, díxolle que "iso con alfinetes con carne, en dúas horas está morto". Ademais, asegura que ao día seguinte do crime díxolle "xa podes estar tranquilo polo vello, que non te vai molestar".
Este coñecido ao que acusa declarou como testemuña esposada e custodiada pola Policía Nacional e contou unha versión distinta dos feitos, pois asegurou que foi o acusado o que lle propuxo "si le dábamos el palo al señor" e díxolle que xa roubara na súa casa dúas veces antes -a Garda Civil tamén confirmou isto-. El nega que participase e tamén que soubese seguro quen foi o autor do crime, pero desconfía do acusado.
Ademais de múltiples veciños e testemuñas dos feitos, pola sala de vistas pasaron este xoves os axentes da Guadia Civil que realizaron a investigación e sinalaron que detiveron ao acusado como sospeitoso por probas como a declaración dun veciño que o día do crime viu unha bicicleta vermella como a súa na porta da casa do falecido e tamén que merodeaba por alí un can que se correspondía coas características do que tiña o procesado e "casi con certeza" era o seu.
Ademais, segundo o mando que dirixiu a investigación, tiveron coñecemento de informacións relativas a que o acusado tiña intención de viaxar a Brasil e, cando realizaron un rexistro na súa casa, atopáronlle evidencias documentais de que estaba a buscar esta viaxe. Na súa casa tamén atoparon unha caixa de luvas de latex azuis das mesmas características que uno cuxos restos apareceron á beira do crime e unhas zapatillas marca Adidas cunha sola que coincidía coas pisadas localizadas na casa do falecido.
Especialistas en Criminalística que declararon por videoconferencia confirmaron que o perfil xenético do acusado correspóndese co achado en diversos puntos da casa do falecido e que as pegadas das zapatillas de Rafael Costa coinciden cun mínimo de dúas pisadas localizadas a lado do cadáver. Estes especialistas tamén confirmaron sen ningún xénero de dúbidas que o resto de luva localizada a escasa distancia do corpo de 'Nelo O Rato' é "igual en todas las características" aos que tiña a caixa achada na casa do procesado.
Os forenses que pasaron ante o tribunal da Sección Cuarta da Audiencia confirmaron que ao falecido déronlle "necesariamente varios golpes" e que presentaba evidencia dunha morte violenta de carácter homicida de "asfixia por estrangulamiento". Os especialistas tamén confirmaron que o home foi queimado cando xa estaba morto, pois están "absolutamente" seguros de que xa non respiraba cando o carbonizaron.
O fiscal do caso, Juan Carlos Aladro, mantivo a súa acusación sobre Rafael Costa tras o xuízo e o seu avogado defensor mantivo a súa inocencia, pero modificou as súas conclusións previas recollendo que, no caso de que sexa condenado, téñase en conta a circunstancia atenuante de drogadicción. Os forenses confirmaron durante a vista que o procesado ten unha "dependencia moderada" dos opiáceos e a cocaína.