O fiscal retira a acusación contra un dos sospeitosos dunha agresión sexual múltiple nunha festa en Lalín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Sorpresa no xuízo que se segue na Audiencia Provincial de Pontevedra contra os mozos Breogán F.T. e Ángel G.A. por presuntamente participar nunha agresión sexual múltiple na que ambos e dous menores de idade actuaron contra unha moza nunha festa en Lalín en novembro de 2012. Tras catro sesións de vista oral, o fiscal decidiu retirar a acusación contra un dos procesados, Ángel G.A..
O xuízo concluíu este xoves coa declaración dunha testemuña dos feitos que xa fora citada con anterioridade en dúas ocasións sen éxito. Tras o seu testemuño, o fiscal, Pablo Varela, concluíu que das probas practicadas durante esta e as tres sesións anteriores da vista oral "no ha quedado acreditada la participación directa" de Ángel G.A. nos feitos xulgados, de modo que retirou a acusación de que era autor dun delito de agresión sexual e, por tanto, a súa petición de cinco anos de prisión. En relación co outro acusado, mantén a súa petición de 12 anos de prisión por un delito de violación.
O mozo seguiu sentado no banco dos acusados porque a acusación particular si mantén a súa implicación nos feitos, polos que xa foron condenados coa súa conformidade dous menores que recoñeceron participar nun episodio de abusos sobre a presunta vítima. Os avogados defensores dos dous maiores de idade que están a ser xulgados reivindican a súa inocencia e, por tanto, piden a súa libre absolución.
A testemuña que declarou na sesión deste xoves estaba o día da agresión sexual na mesma verbena en Lalín e relatou na sala que estaba coa vítima e con dúas das súas amigas cando chegou un mozo que ela non coñecía e levouna á forza. "Colleuna por encima e levouna", relatou na sala de vistas da Sección Segunda da Audiencia, á vez que engadiu que parecía que ambos se coñecían.
Esta testemuña non recoñeceu a ningún dos dous acusados como o mozo que levou á forza á vítima e asegurou que tras ese incidente ela quedou "con mal corpo un tempo". As amigas da moza pareceulles que "quedaron sorprendidas", pero ningunha fixo nada por ir tras ela nin axudarlle. Segundo a súa versión dos feitos, ademais, un tempo despois atopouse á denunciante pola rúa e contoulle que aquela noite o mozo que ela viu e outros a levaron a unha zona baixo o palco da festa e sometérona a diversos tocamentos, chegando a romperlle as medias.
O xuízo quedou visto para sentenza, non sen estar rodeado de polémica. O aparello de gravación de vistas da sala fallou na segunda sesión e non permitiu recoller o audio nin o vídeo de seis das persoas que declararon como testemuñas ese día, de modo que foi necesario que o secretario xudicial pasase a acta esquemática que levantara ás partes para saber se a daban por boa ou era necesario chamarlles a declarar. Finalmente, non foi preciso.
Relacionadas:
-
Condenan a un home a dous anos de prisión por facer tocamentos a unha menor
Por Oskar Viéitez |
-
Un xuízo segue no aire por mor dos problemas do sistema de gravación da Audiencia
Por Natalia Puga |
-
Cando os problemas técnicos dificultan impartir xustiza
Por Natalia Puga |
-
Os peritos declaran que a vítima dunha violación múltiple en Lalín presenta tensión postraumática
Por Natalia Puga |
-
Un menor condenado por tocamentos a unha moza: "Le tocamos el culo porque nos parecía una situación graciosa"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un acusado de agresión sexual sostén a súa inocencia alegando que a vítima estivera nunha festa semi espida
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Unha agresión sexual múltiple a unha moza de Lalín será xulgada na Audiencia
Por Redacción |