VÍDEO.- A comunidade educativa volve rebelarse contra a LOMCE
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A folga do sistema educativo deste xoves 9 de marzo organizada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público obtivo un menor seguimento que a convocatoria de outubro na que se logrou paralizar as reválidas. Neste caso, os organizadores sitúan o seguimento en máis dun 80% afirmando que, sobre todo, o apoio obtivérono nos centros de estudo de secundaria tanto a través do profesorado como do alumnado.
A incidencia en Primaria foi considerablemente menor, segundo os propios organizadores
Neste sentido, a Consellería de Educación indica que a porcentaxe de persoal, docente e non docente, dos centros educativos sostidos con fondos públicos que secundou a folga é do 9,94% na provincia, mentres que no ensino secundario sitúase no 0,53%. Desde a Consellería realizan un chamamento á calma á espera de que se consensúe o pacto educativo en España.
Con todo, Xosé Manuel Nogueira da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, indicaba que seguirán levando a cabo actos de protesta en contra da LOMCE por españolizadora, eclesiástica e segregadora, pero tamén se van opoñer a calquera pacto que a tome como base. Neste sentido, entende que o PP co apoio de Cidadáns e posiblemente co do PSOE presentará unha LOMCE maquillada en forma de pacto para a educación.
MANIFESTACIÓN
Máis dun milleiro de estudantes, educadores e sindicalistas participaban na manifestación que a plataforma convocaba para esta xornada de folga. Á marcha que transcorreu polo centro da cidade sumáronse no seu tramo final o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e do líder de En Marea, Luís Villares.
O acto finalizaba na praza da Peregrina coa lectura do manifesto no que se reclama a derrogación da LOMCE.