Poio tramita unhas 300 denuncias ao ano a veciños que non limpan as súas parcelas
Por Redacción
O Concello de Poio tramita cada ano unha media de 300 denuncias a veciños do municipio que non respectan a súa obriga legal de manter limpas e coidadas as parcelas da súa propiedade, segundo informou o goberno local.
En xeral, son terreos que se deixan de utilizar e que non teñen ningún tipo de uso agrario, polo que debido ao seu abandono nelas empeza a proliferar a maleza que acaba por invadir as propiedades que lindan con eles.
Ademais, tamén se está a denunciar aos propietarios das parcelas con arborado próximo ás vivendas, ante o risco que poden supoñer para a seguridade das persoas o feito de non telas en óptimas condicións. Tamén está recollido nunha lei de ámbito autonómico.
O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Anxo Lodeiro, recoñece que moitos dos expedientes sancionadores iniciados non se poden tramitar, debido á imposibilidade de identificar ao propietario. Na maioría dos casos, o titular é descoñecido ou os datos non son válidos.
Outras denuncias se tramitan notificando ao titular das parcelas, concedéndolle un prazo para que proceda á orde de limpeza ou á corta do arborado para facer cumprir a normativa. Na maior parte dos casos, ante este requirimento do Concello, os donos cumpren a orde polo que o expediente sancionador acaba arquivándose.
No caso de que o titular non proceda ao cumprimento da orde de limpeza, saneamento ou corta de árbores e maleza, o Concello pode proceder á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas por importe de 1.000 a 10.000 euros, reiterativos trimestralmente ata lograr a execución dos traballos ordenados.
Se este incumprimento é reiterado e supón un perigo inminente contra as vivendas ou os bens privados, o Concello advirte que está a executar as sancións.
Así, nos últimos días o Concello executou unha sanción de 3.000 euros contra o titular dun terreo en Boavista, debido ao incumprimento de varios requirimentos e a densa e rápida proliferación de acacias no lugar.
O arborado está a invadir a vía pública e as propiedades dos veciños. Ao estar nunha zona urbana, representa un alto risco de incendio ao verse ameazadas as vivendas desta zona residencial.
O concelleiro de Medio Ambiente recorda a todos os veciños de Poio a obrigatoriedade de manter as parcelas limpas de maleza e, no que respecta ao arborado, mantendo unha franxa de seguridade respecto das vivendas ou os núcleos poboados.