Sanxenxo presenta a súa ampla oferta turística a empresas alemás
Por Redacción
O concelleiro de Turismo, Jesús Sueiro, aproveitou a primeira xornada da ITB en Berlín para manter un encontro co ministro de Turismo, Álvaro Nadal, e coa secretaria de Estado de Turismo, Matilde Asian, na que tiveron ocasión de conversar sobre como avanzar en proxectos a nivel estatal, como a implantación de destinos intelixentes en Sanxenxo.
O edil de Turismo, que se desprazou a Berlín acompañado pola coordinadora de Turismo de Sanxenxo, mantivo este mércores dúas reunións con outras tantas empresas alemás especializadas en viaxes con grupos de mediana idade que priman nos seus destinos a oferta cultural, de gastronomía e, sobre todo, de paisaxe natural e que, ademais, prefiren a tempada baixa para os seus desprazamentos.
A Ruta do Pai Sarmiento foi un dos produtos presentados nestas reunións, moi atractivo para as empresas que traballan as viaxes de turismo relixioso, moi demandado por un sector de poboación europeo cun alto nivel adquisitivo.
Dentro da caseta de Turespaña, Galicia ten un espazo propio que a delegación de Sanxenxo está a utilizar para manter as diferentes reunións programadas con empresas alemás e a aquelas que se achegan para coñecer a oferta global da Comunidade Autónoma.
Precisamente para estas, Turismo de Sanxenxo concorreu a esta feira monográfica con material promocional elaborado especificamente para a ITB e en alemán.
A delegación de Sanxenxo está integrada polo Cluster de Turismo, o CETS, así como por varias empresas particulares.
España é o terceiro destino elixido polo mercado alemán e Jesús Sueiro considera que Sanxenxo ten que aproveitar ese tirón. "Pouco a pouco temos que traballar nesa liña xa que a internacionalización é un reto pendiente, que non se consigue nun día senón que é un traballo constante para aumentar cuota de mercado alemán no noso destino", sinalou.