Medran as intervencións dos bombeiros de Pontevedra fóra do municipio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O corpo de Bombeiros de Pontevedra tivo no último ano unha maior demanda de colaboración en intervencións fóra do termo municipal capitalino. As estatísticas do ano 2016 deixan como balance un incremento no número de intervencións de arredor dun 20 por cento con respecto aos últimos cinco anos e tamén unha maior petición para que interveñan máis aló dos límites xeográficos locais.
O novo xefe do servizo de prevención de incendios do Concello de Pontevedra, Miguel Estévez, explicou que repuntou o número de incendios urbanos nos que interviron, pero tamén axudaron a aumentar as estatísticas os incendios do pasado verán e as numerosas saídas que tiveron durante os temporais deste inverno. De feito, desde que chegou ao cargo asegurou que "o máis complicado" foi "quizáis a xestión das numerosas saídas durante os temporais", nas que destacou a colaboración coa Policía Local.
Estes datos deunos a coñecer Miguel Estévez durante o acto de celebración do patrón do corpo de Bombeiros, San Juan de Dios, ao que asistiron autoridades de todas as Forzas de Seguridade coas que colaboran habitualmente. Foi tamén o primeiro de Miguel Estévez como anfitrión despois de cinco meses no cargo.
O acto tamén serviu para dar a coñecer novos proxectos de futuro, como un protocolo de colaboración coa Policía Local. Ademais de manifestar o seu agradecemento ao resto dos corpos de seguridade e aos seus compañeiros, Miguel Estévez desvelou a existencia deste proxecto común que está en proceso promovido pola área de seguridade cidadá do Concello. Fixará os procedementos para que os dous servizos traballen conxuntamente e logren un "traballo integrado entre os dous corpos".
Ao respecto, engadiu que a corporación municipal está traballando na elaboración dun catálogo de riscos de Pontevedra e que o traballo dos bombeiros de forma natural evolucionará baseándose nun plan estratéxico de futuro que poida garantir unha adaptación contemporánea dos plans operativos e de continxencia como resposta a ese catálogo de riscos.
Miguel Estévez tamén recoñeceu que entre os seus obxectivos como xefe do servizo está o de ampliar a plantilla, que na nos próximos días pasará a ter 39 efectivos coa incorporación dos novos funcionarios que acaban de pasar a oposición. Ao respecto, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou no seu discurso que o Concello "está facendo un esforzo grande para mellorar a dotación" do corpo de Bombeiros "dunha forma sistemática", pois saben que "nunca é suficiente nin o número nin o equipamento que se ten".
Miguel Estévez destacou o "sentimento de lealdade" que impregna ao conxunto dos corpos e servizos que traballan pola seguridade en Pontevedra e que o seu traballo “incansable e desinteresado" dá á cidade un "plus de seguridade".
Relacionadas:
-
O traballo dos bombeiros, visto polos escolares de Pontevedra
Por Redacción |
-
Os Bombeiros celebran, sen desfile esta vez, o día do seu patrón
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Os Bombeiros celebran o seu patrón, sentíndose "orgullosos" dunha profesión con "muy buena prensa"
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |