O canon eólico de Cerdedo-Cotobade destinarase a aforro enerxético e arranxo de fontes e lavadoiros
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten listo os proxectos e plans de investimentos incluídos no Fondo de Compensación Ambiental 2017, que ascenden a 120.000 euros procedentes do denominado canon eólico pola existencia de parques de renovables no territorio.
Desta volta, o goberno local vai apostar por desenvolver un proxecto de aforro enerxético en tres núcleos de Cerdedo e polo arranxo integral de fontes e lavadoiros en seis parroquias cotobadesas.
O obxectivo pasa por reducir os preto de 21.000 kilovatios que consumen 42 puntos de luz destes núcleos ata pouco menos de 8.000, o que suporá unha diminución de algo máis do 62% no consumo.
Por outra banda, o segundo proxecto executarase integramente en Cotobade e consistirá na rehabilitación integral de 14 mananciais públicos pertencentes ás parroquias de Tenorio, Augasantas, Corredoira, Carballedo, Loureiro e Borela.