Moito máis que un simple partido de balonmán
Por Oskar Viéitez
O do Cisne contra o Teucro non foi o único derbi de balonmán que se disputou a pasada fin de semana. O pavillón do Liceo Casino acolleu outro encontro de rivalidade entre o UBF de Pontevedra e o SAR de Redondela. Dous equipos veteranos de balonmán feminino que organizaron o partido como unha particular maneira de celebrar o 8 de marzo, o Día Internacional da Muller Traballadora.
Por que un partido de balonmán? Porque é todo un exemplo da loita pola igualdade, pois elas enfróntanse a maiores dificultades para atopar apoios económicos, á falta de reforzo social, á escaseza de modelos femininos que sirvan como referentes, á crítica da contorna por desempeñar deportes masculinizados, así como a reducida presenza nos medios de comunicación.
Respecto disto, cando se fala delas, das deportistas, as crónicas adoitan aludir ao seu aspecto, a súa idade ou a súa situación civil. Llas infantiliza. É fácil atopar afirmacións que cuestionan a valía e a idoneidade das mulleres para a práctica deportiva, xa saben, que "o deporte feminino nin é deporte nin é feminino".
Afortunadamente cada vez son máis as mulleres que renuncian a ser parte do mundo do deporte como decoración, como escusa para que aumente o espectáculo. Mulleres que rompen co corsé estereotipado da delicadeza, a beleza e a fraxilidade. Mulleres que escapan de determinadas actividades deportivas feminizadas porque se achegan máis a estes ideais (ximnasia, natación, patinaxe,) e practican outros deportes catalogados socialmente como masculinos, como o balonmán.
E a última lección que deu o partido do UBF e o SAR: hai aínda outra dificultade máis, á que se enfrontan as mulleres polo xeral para dispoñer de tempo libre para o seu goce persoal. Elas están cargadas con outras responsabilidades ás que atender antes que dedicarse a un adestramento.
Sirva de mostra, ao rematar o encontro do domingo, mentres o equipo do UBF de Pontevedra aínda celebraba a súa vitoria na pista, o marido dunha das xogadoras dirixiuse a ela para felicitala dicindo "bo partido cariño, oe e que nos vas a facer de cea hoxe?".