O BNG urxe a eliminación dos puntos negros na rede de estradas do Estado
Por Oskar Viéitez
O grupo parlamentario do BNG, a través do pontevedrés Luís Bará, presentou unha nova proposición non de lei para que se eliminen os puntos negros existentes na rede de estradas dependentes do Estado que hai no territorio galego.
Urxe facelo xa que, segundo o informe anual sobre o nivel de risco nas vías, (que elabora o programa EuroRAP coa participación do Real Automóvil Club de España), Galicia é a comunidade menos segura do Estado, ao ser a que acumula más treitos con risco de accidente.
No informe detállase además que seis dos treitos máis perigosos do Estado están na provincia de Pontevedra:
- A estrada N-640 entre Caldas e Vilagarcía, con 13 accidentes graves, 2 vítimas mortais e 15 persoas gravemente feridas. Este treito ocupa o sétimo posto do ranking dos 77 treitos máis perigosos da rede de estradas do Estado.
- A estrada N-541 entre Santa María de Sacos e o cruzamento coa PO-224 en Bora (Pontevedra), onde houbo cinco accidetes graves cun morto e catro feridos.
- A estrada N-550 entre Briallos (Portas) e Pontevedra.
- A estrada N-550 entre Paredes (Vilaboa) e Redondela (intersección coa N-552)
- A estrada N-640 entre a intersección coa N-525 en Bandeira e Foxo (Silleda)
O informe fai fincapé en que o risco de accidente mortal ou grave é 3,5 veces maior en estradas convencionais que en autovías e autoestradas, e en Galicia, máis do 90% dos sinistros mortais na rede viaria prodúcense en estradas secundarias.
Por todo iso, o grupo parlamentario do BNG presenta para o seu debate no Pleno unha proposición non de lei na que insta ao goberno galego a dirixirse ao Ministerio de Fomento solicitándolle que elabore e aprobe un plan de actuación para eliminar os puntos negros da rede de estradas do Estado en Galicia.