'Quen vive aí?' 300 escolares de Vilaboa coñecen como facer compost
Por Redacción
Os obradoiros organizados pola Deputación para aprender xogando en que consiste a compostaxe chegaron esta semana ao Centro Público Integrado (CPI) Vilaboa. Entre este martes e este mércores, 300 escolares participarán nas actividades.
Este martes, na primeira sesión, os escolares realizaron a actividade 'Quen vive aí?', na que identificaron os invertebrados presentes no composteiro (cochinillas, bichiños bola, cadelas de frade… ) e coñeceron a súa importancia no proceso. Os alumnos analizaron diferentes mostras de compost en varios estados de maduración que os monitores achegaron ata o centro.
Os obradoiros de compostaxe da Deputación xa chegaran a 44 alumnos do primeiro ciclo de Primaria do CPI, que realizaron diferentes xogos sobre residuos no mes de xaneiro. Ademais, houbo unha exposición didáctica itinerante que se colocou nos espazos comúns do centro escolar na que se explicaron os principais conceptos.
A próxima actividade chegará os días 18 e 19 de abril, cando os alumnos da ESO sairán do centro para coñecer in situ un dos composteiros comunitarios ubicados no concello de Vilaboa dentro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.
Os monitores do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) son os responsables destas obradoiros, que pretenden concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.