Denuncian un mozo que circulaba en zigzag cunha taxa de alcol seis veces superior á permitida
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra denunciou un mozo de 26 anos que foi sorprendido conducindo cunha taxa de alcol seis veces superior á permitida, 1,43 miligramos por litro de aire expirado. Ademais de atribuirlle un delito contra a seguridade do tráfico, os axentes inmobilizáronlle o coche.
Fontes da Policía Local de Pontevedra explicaron que todo sucedeu sobre as 23.55 horas do venres 3 de marzo na rúa dos Campos, en Mourente. Tres mozos circulaban nun coche e presenciaron como un vehículo ía en zigzag, de modo que decidiron seguilo e chamaron á Policía.
Aos tres mozos chamoulles a atención a condución e que o condutor chegou a invadir o carril contrario. Seguírono ata unha rúa sen saída na que rascou o lateral dereito do vehículo contra a fachada exterior dunha vivenda. Nese momento, un dos mozos ofreceuse a estacionar o vehículo para que non conducira máis e pediulle a un veciño que chamase á Policía.
Nun primeiro momento, desprazouse ao lugar a Policía Nacional, pero máis tarde foi alertada a Policia Local, que lle solicitou ao condutor que se sometera á proba de alcolemia. Detectáronlle unha taxa de 1.43, de modo que foi imputado por un delito contra a seguridade do tráfico e os axentes inmobilizáronlle o vehículo para a súa posta a disposición xudicial e propoñen o seu decomiso.
BÉBEDA E CO MÓBIL AO VOLANTE
A Policía Local de Pontevedra tamén denunciou outra condutora este luns por conducir despois de consumir alcol. Neste caso, ademais, a muller tamén estaba a falar polo teléfono móbil ao volante.
Segundo informou a Policía Local, ocorreu sobre as 15.00 horas. Unha patrulla observou a condutora dun turismo circulando pola rúa Manuel del Palacio mentres falaba polo móbil. Indicáronlle que se detivese, pero ela non se percatou da presenza dos policías e continuou circulando.
Os axentes parárona e percibiron que estaba baixo a influencia de bebidas alcólicas, así que fíxeronlle a proba e deu un resultado positivo de 1,21 miligramos por litro de aire expirado.
Ante os feitos, os axentes procederon á instrución do atestado por un presunto delito contra a seguridade do tráfico e á inmobilización do vehículo.