A Plataforma Galega en defensa do Ensino Público agarda un apoio masivo á folga deste xoves 9
Por Anxo Lourido
A comunidade educativa, tanto profesorado como estudantes, seguen mostrando a súa preocupación ante os traballos que se están levando a cabo para alcanzar un pacto educativo no Parlamento Español. Así o afirman os representantes da Plataforma Galega en defensa do Ensino Público, que segue reclamando a Lei Galega de Educación, que resolva as carencias nesta materia que sofre a Comunidade Autónoma.
Xacobe Rodríguez, representante de CIG-Ensino, apuntaba que esas carencias que se detectan se centran na redución de profesorado de materias como Audición e Linguaxe ou de Pedagoxía Terapéutica, materias nas que se atopan poucos alumnos, obrigando ao resto de educadores a realizar un labor "renacentista" paliando esa ausencia de docentes.
Denuncia tamén, entre outros puntos, numerosos recortes e que o profesorado carece dun catálogo de enfermidades profesionais, seguen sen convocarse oposicións e os comedores privatízanse.
Pero ademais, sinalan que o pacto educativo que se quere xestar sigue baseándose na LOMCE polo que non dubidan en cualificalo como un "paripé". Por este motivo convocan a xornada de folga para este 9 de marzo, que se exteriorizará cunha manifestación pola cidade que partirá ás 11.30 horas da praza da Peregrina. Demetrio Gómez, concelleiro de Xuventude, apuntaba que a loita na rúa conseguiu paralizar a consolidación da reválida e é necesaria para reclamar a Lei Galega de Educación.
Os convocantes recoñecen que lles gustaría contar co apoio da FANPA de Pontevedra, que recoñeceu que non secunda esta protesta mentres non se comproben os resultados dos encontros para obter o pacto de educación. En todo caso, desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público esperan un éxito para esta convocatoria ante a preocupación que existe na comunidade educativa.